O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na xornada Dixitalización como motor de competitividade e crecemento económico

Conde destaca que o proceso de transformación do tecido produtivo pasa necesariamente pola dixitalización e a sustentabilidade

Salienta a aposta que deben facer as pemes polo talento, “a canle e o vehículo condutor impulsor do cambio”

Di que Galicia “está sabendo interpretar este novo contexto dixital” acelerado pola pandemia e pon como exemplo o gasto total das empresas galegas o ano pasado no ámbito TIC, que aumentou nun 11,7% ata superar os 475M€

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, destaca a oportunidade que a transformación dixital supón para a creación de emprego e a mellora da competitividade empresarial

Vigo, 28 de setembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou hoxe que o proceso de transformación do tecido produtivo necesariamente pasa polo binomio da dixtalización e a sustentabilidade. Segundo dixo, as empresas teñen que afrontar este reto para saír máis fortalecidas desta crise.

Conde participou hoxe na xornada Dixitalización como motor de competitividade e crecemento económico, organizada pola Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), onde asegurou que hai tres elementos clave neste proceso de transformación económica. En primeiro lugar, que pemes e autónomos inclúan no seu plan de negocio a dixitalización e a sustentabilidade. En segundo lugar, que potencien modelos comerciais posibilitados pola tecnoloxía. E, en terceiro lugar, que impulsen as capacidades e o talento do seu capital humano para facer fronte a estes retos. “O talento ten que ser a canle e o vehículo condutor impulsor do cambio”, enfatizou.

O vicepresidente económico subliñou que ás pemes galegas hai que recoñecerlle o esforzo que están a facer por que a dixitalización forme parte da súa cultura de empresa. Nese sentido, apuntou que “Galicia está sabendo interpretar este novo contexto dixital” acelerado pola pandemia e puxo como exemplo o gasto total das empresas galegas o ano pasado no ámbito TIC, que aumentou nun 11,7% ata superar os 475M€. “Estamos marcando unha tendencia clara de maior investimento en TIC e maior aposta pola dixitalización”, salientou.

Segundo dixo, o cometido da Administración autonómica está sendo o de acompañar ese esforzo e articular medidas de apoio para incentivar a cultura dixital nas empresas. En total, foron xa 115M€ os que a Xunta leva destinado a impulsar a dixitalización do tecido empresarial no marco do Plan de Reactivación aprobado para paliar os efectos da pandemia. De feito, unha das liñas de axuda que está aberta ata este mesmo xoves 30 de setembro é o Cheque Dixital, que destina 4M€ para promover a dixitalización de 1000 pemes e autónomos galegos.

A importancia da formación

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, pola súa banda, expuxo no seu relatorio as necesidades de formación ante a dixitalización e sinalou que o escenario de cambio que se está a vivir, e que a pandemia acelerou, require que as organizacións se adapten ás novas tecnoloxías para manter a competitividade no mercado, xerando ademais un valor de diferenciación “moi relevante”.

En palabras de Lado, a transformación dixital supón “unha oportunidade para lograr unha actividade produtiva máis equilibrada e sostible, tanto en crecemento económico como en emprego”. Neste sentido puxo en valor o impulso que a Xunta está a realizar en favor da dixitalización das organizacións por medio dunha aula virtual punteira, que está a aglutinar toda a formación para o emprego da comunidade, e mesmo programas específicos como Autónomos dixitais, Empregabilidade Dixital e Rumbo Dixital, Formadores dixitais, Habilidades dixitais ou Son Executiva, que en cada edición se superan.

Imaxes relacionadas