O conselleiro de Cultura participa na inauguración do ciclo de coloquios xacobeos ‘Santiago, historias dun Camiño prodixioso’ dirixido por Isabel San Sebastián

Román Rodríguez destaca a contribución da novela histórica para divulgar os valores do Camiño de Santiago ao gran público

Salienta a importancia de reunir neste ciclo a autores referentes do xénero como Isabel San Sebastián, Antonio Pérez Henares, Juan Eslava Galán ou Emilio Lara para “seguir avanzando no necesario coñecemento da Ruta Xacobea en todos os eidos”

Organizado pola asociación Escritores con la Historia co patrocinio da Xunta, continuará ata o xoves no Museo das Peregrinacións e de Santiago con asistencia gratuíta ata completar aforo

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, salientou hoxe o traballo que a novela histórica está a facer por divulgar e promover o Camiño de Santiago entre o gran público. Así o manifestou na inauguración do ciclo de conferencias xacobeas Santiago, historias dun Camiño prodixioso, coordinado pola escritora e xornalista Isabel San Sebastián co patrocinio da Xunta, que reúne ata o xoves a destacados autores referentes do xénero.

O conselleiro referiuse á propia Isabel San Sebastián, como ao resto de relatores -os escritores Antonio Pérez Henares, Juan Eslava Galán e Emilio Lara- como “un grupo prestixioso e culto que alcanzou a excelencia literaria”. Asegurou que darán mostras de como se pode converter a Historia en material central nos seus textos aunando o rigor intelectual co entretemento “sen renunciar a unha vocación académica para achegar a realidade histórica do Camiño a miles de lectores”.

Neste sentido, referiuse á evolución da Ruta Xacobea como experiencia social, espiritual e cultural que, con gran esforzo académico se está a documentar “descubrindo novas facetas ata agora inéditas dando mostra do vivo que está o Camiño de Santiago e reforzan a necesidade de continuar co seu estudo, en todos os eidos, tamén desde o ámbito da ficción”, engadiu.

O ciclo -organizado pola asociación Escritores con la Historia e patrocinada pola Xunta de Galicia no marco do 70 aniversario do Museo das Peregrinacións e de Santiago- arrincou hoxe coa participación de Isabel San Sebastián e a conferencia Alfonso II, o primeiro peregrino. As conferencias continúan ata o xoves, sempre ás 19,00 horas, de asistencia gratuíta ata completar aforo.

Conferencias ata o xoves

Mañá martes 28 será a quenda do escritor e xornalista Antonio Pérez Henares coa conferencia Os cabaleiros de Santiago. Experto no xénero, a súa última novela do xénero é Cabeza de vaca, sobre a figura do conquistador español que cruzou a pé Florida ata o Pacífico e México. Escribiu tamén varios libros de viaxes e é, ademáis, presidente da Asociación Escritores con la Historia.

O autor de obras como o Premio Planeta En busca del Unicornio, Juan Eslava Galán participará o mércores 29 de setembro coa conferencia Os meus Camiños de Santiago. A súa carreira como escritor suma un cento de libros principalmente novelas e ensaios históricos. Os seus últimos libros son Una historia de la Guerra Civil ou La Conquista de América Contada para Escépticos.

O ciclo rematará o xoves 30 con Emilio Lara e a súa conferencia O Camiño e a aventura de Europa. Na súa traxectoria literaria publicou catro novelas: La cofradía de la Armada Invencible, El relojero de la Puerta del Sol, Tiempos de Esperanza e Centinela de los sueños, que o fixeron merecedor de numerosos premios.

O ciclo Santiago, historias dun Camiño prodixioso enmárcase nas distintas actividades conmemorativas do 70 aniversario do Museo das Peregrinacións e de Santiago, que inclúe unha programación variada e dirixida a todas as idades. A Xunta busca así fomentar o papel estratéxico do museo na divulgación xacobea, especialmente coincidindo co dobre Ano Santo que se celebra en 2021 e 2022. Para iso, a programación especial desta efeméride inclúe visitas teatralizadas, obradoiros de oficios tradicionais, conferencias, concertos e exposicións neste último trimestre do ano.

Imaxes relacionadas