A Xunta apoia á industria transformadora galega na promoción dos produtos do mar a través da campaña ‘Cata a lata’

A Ruta que sabe a historia deseñada por Anfaco-Cecopesca percorreu desde o pasado luns nunha food truck oito localidades cun marcado pasado e compromiso coa industria conserveira de peixes e mariscos nas que os veciños puideron degustar preparacións a base de conservas e recibiron distintos materiais de promoción como receitarios

Vigo, 27 de setembro de 2021

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, asistiron hoxe ao acto final da Ruta que sabe a historia na que a food truck da campaña Cata a lata, impulsada por Anfaco-Cecopesca en colaboración coa Xunta de Galicia, percorreu distintas localidades galegas para fomentar o consumo dos produtos do mar transformados entre a cidadanía.
O percorrido realizado desde o pasado luns ata hoxe pola food truck desta iniciativa incluíu etapas por oito localidades con marcado pasado e compromiso coa industria conserveira de peixes e mariscos -Celeiro, Cariño, Muros, Ribeira, Cambados, A Illa de Arousa, Cangas e Vigo- nas que os veciños puideron degustar preparacións a base de conservas e recibiron distintos materiais de promoción como receitarios.

Deste xeito, a campaña estivo presente en espazos próximos aos lugares máis emblemáticos relacionados coa industria conserveira de cada municipio tanto en horario de mañá como de tarde. Trátase dunha acción que se enmarca no convenio asinado entre Anfaco-Cecopesca e a Consellería do Mar para a promoción e mellora da comercialización das conservas de pescado e marisco da comunidade durante 2021.

Este tipo de iniciativas nas que colabora a Xunta inclúense na estratexia do Executivo galego para impulsar o consumo de produtos do mar entre a cidadanía e dar a coñecer a actividade que realiza o complexo mar-industria de Galicia. Con ese obxectivo, a Consellería do Mar puxo en marcha este verán a campaña GALICIA SABE AMAR, para animar ao conxunto da sociedade a consumir peixes e mariscos e para poñer en valor o importante labor que realizan as milleiros de persoas que traballan en Galicia en actividades relacionadas co eido marítimo-pesqueiro.

Imaxes relacionadas