O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade visita o centro para comprobar o resultado das obras de ampliación do centro

Román Rodríguez destaca un investimento de mais de 1,1M€ no Centro Público Integrado plurilingüe de Vedra

O representante da Xunta sinalou o dinamismo do colexio, que participa no proxecto de libro dixital E-Dixgal, así como en varias iniciativas de bibliotecas escolares

Vedra (A Coruña), 27 de setembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, comprobou hoxe o resultado das obras de ampliación realizadas no Centro Público Integrado (CPI) Plurilingüe Vedra, “unha visita que houbo que adiar por mor da pandemia e que, felizmente, hoxe puidemos facer realidade”.

O representante da Xunta de Galicia explicou que a ampliación, que supuxo un investimento de máis de 840.000€, consistiu na creación dun novo volume para aulario de Secundaria. “Un total de oito novas aulas, distribuídas en dous andares”, sinalou. “A construción deste novo edificio permitiu redistribuír as aulas de infantil e primaria no xa existente”, destacou, “redundando nunha mellora xeral para o conxunto do centro”.

De feito, a actuación incluíu tamén melloras no edificio preexistente. Nel acondicionouse un novo taller de tecnoloxía na actual aula e unha nova sala de usos múltiples e dividíronse tres aulas de infantil co fin de contar con novos espazos. A maiores, reformouse a entrada do centro, incorporáronse aseos a dúas aulas de infantil e instalouse un novo grupo electróxeno. A ampliación deste centro eleva a máis de 1,1M€ o investimento da Xunta de Galicia en obras de mellora neste centro na última década.

Un centro moi dinámico

O conselleiro felicitou, ademais, a comunidade educativa deste centro pola súa implicación en programas innovadores impulsados desde o Goberno galego. Non en balde, ademais de ser plurilingüe, o CPI participa no proxecto de libro dixital E-Dixgal, no Plan Proxecta e, no marco da biblioteca, no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) e no programa Radio na biblio.

Imaxes relacionadas