A directora xeral de Patrimonio Natural visitou esta mañá a área recreativa da Freixa en Ponteareas

A Xunta presentará o Proxecto Migramiño aos premios europeos de Rede Natura 2000

Belén do Campo indicou que a futura concesión deste galardón suporá o mellor broche ao traballo realizado, en colaboración con Portugal, durante os catro anos de vixencia da iniciativa

Recorda que se liberaron máis de 100.000 xuvenís de salmón e 1.600 quilogramos de anguías no tramo internacional do Miño, para conservar as poboacións de peixe migradores nesta eurorrexión

Ponteareas (Pontevedra), 27 de setembro de 2021.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentará o Proxecto Migramiño aos premios europeos de Rede Natura 2000. Así o avanzou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a súa visita a área recreativa da Freixa onde –ademais de proceder a unha solta de alevíns de salmón- fixo un balance deste programa transfronteirizo executado nos últimos catro anos.

Segundo manifestou a directora xeral, a futura concesión desta distinción suporía o mellor xeito de pechar traballo realizado con esta iniciativa, que contou con fondos Feder e no que se traballou desde o ano 2017 con Portugal, co obxectivo de protexer e conservar as poboacións de peixes migradores na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Do Campo indicou que os resultados foron “espectaculares” non só polas cifras rexistradas, coa liberación de máis de 100.000 xuvenís de salmón se 1.6000 quilogramos de anguías no tramo internacional do río Miño; senón porque se puxo en valor o papel clave que xogan os ecosistemas fluviais como corredores ecolóxicos.

Así, Galicia presentará a súa candidatura a estes premios, co obxectivo de dar visibilidade ao traballo conxunto e para divulgar a importancia da Rede Natura 2000 para a protección da biodiversidade en Europa, así como a súa contribución á conservación da natureza a escala mundial.

Imaxes relacionadas