A Xunta apoia a candidatura de Cafés Candelas aos fondos europeos para ampliar a súa capacidade produtiva e adaptar as súas instalacións en Lugo ás novas tecnoloxías

O proxecto, que prevé un investimento de 10M€ e a creación de 40 empregos, inclúe a creación dunha nova planta no parque empresarial das Gándaras que lle permita incorporar un laboratorio de aromas e un centro de I+D+i, así como un Centro de Excelencia do Café

Conde asegura que a iniciativa vai ter impacto na cadea de valor do sector grazas á colaboración da Universidade de Santiago e os centros tecnolóxicos Gradiant e Cetim, polo que agarda que o Goberno asigne fondos Next Generation a esta proposta

Traslada ao Goberno a necesidade de aprobar un Perte específico para o sector agroalimentario onde quede reflectida a competitividade da industria galega
 

Lugo, 27 de setembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións de Cafés Candelas no polígono lucense do Ceao, onde quixo manifestar o seu apoio ao proxecto que lidera a empresa no marco da candidatura galega aos fondos europeos Next Generation.

Dita iniciativa permitiralle á compañía poder construír unha nova planta no veciño polígono das Gándaras, coa cal poderá ampliar a súa capacidade produtiva e adaptar as súas instalacións ás novas tecnoloxías, a través dun investimento previsto de 10M€.

A posta en marcha deste proxecto suporía a creación de 40 novos postos de traballo
–pasando dos 80 empregados actuais no Ceao aos 120–; o aumento nun 25% das toneladas de café producidas; a adaptación do sistema de produción e de distribución ás novas tecnoloxías da Industria 4.0 para maximizar a súa competitividade; e consolidar a súa actividade innovadora a través dun laboratorio de aromas e un centro de I+D+i.

Ao mesmo tempo, incrementará a sustentabilidade e a eficiencia de Cafés Candelas no tratamento de residuos –a previsión é lograr unha autosuficiencia enerxética do 70% e a eliminación de 20.000 quilos anuais de residuos–; así como crear un Centro de Excelencia do Café que contribuirá á dinamización turística da provincia.

Un proxecto, tal e como apuntou Conde, que vai permitir dinamizar a economía da comarca e, ao mesmo tempo, vai ter impacto na cadea de valor do sector grazas á colaboración da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e os centros tecnolóxicos Gradiant e Cetim.
O vicepresidente económico tamén destacou a implantación internacional da empresa do Ceao, así como a súa presenza en Portugal –conta cunha delegación propia–, Estados Unidos –onde abriu unha filial en 2017–, Alemaña, Dinamarca e Romanía. Por este motivo, avogou pola sensibilidade do Goberno para ter en conta este proxecto de Cafés Candelas na asignación dos fondos europeos Next Generation.

Cunha facturación que rolda os 65M€, esta empresa familiar comercializa hoxe en día 5000 toneladas de café, logrando que 800 millóns das cuncas que se serven no mundo sexan de Cafés Candelas.

“Hai unha oportunidade aquí en Lugo de seguir consolidando un proxecto que ten preto de 50 anos para que poida seguir crecendo e mellorando a súa eficiencia e a súa competitividade, o que significa facer unha aposta non só pola dixitalización, senón tamén vinculado a proxectos de sostibilidade, de innovación e, en definitiva, poder optar a eses fondos europeos”, apuntou.

Así, o vicepresidente económico solicitoulle de novo ao Goberno central a aprobación dun Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) específico para o sector agroalimentario, onde teña cabida este e outros proxectos da candidatura galega aos fondos europeos e onde quede reflectida a competitividade desta industria.


 

Imaxes relacionadas