A Xunta estudiará posibles vías de colaboración co concello de Bande en materia de servizos sociais

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, mantiveron hoxe unha reunión no Edificio Administrativo de San Caetano

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, mantivo hoxe unha reunión coa alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, na que se trataron distintas posibilidades de colaboración desde o Goberno galego co Concello para achegar máis servizos ás veciñas e veciños deste municipio ourensá.

Actualmente en Bande a Administración autonómica ten á disposición das familias unha escola infantil unitaria de 20 prazas para facilitar a conciliación entre a súa vida persoal e a laboral. Tamén abordaron a situación da residencia pública autonómica, que conta con 50 prazas, e cuxos usuarios acaban de ser vacinados coa terceira dose fronte á Covid-19.

Ademais, a conselleira e a alcaldesa puxeron en valor o albergue municipal, que este ano foi unha das novidades da campaña O Verán que Mereces, cun campamento na que mozas e mozos puideron desfrutar da natureza que ofrece a reserva da biosfera Gerês-Xurés.

Imaxes relacionadas