A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto do itinerario peonil e ciclista na AC-213 na Telva, nos concellos de Cambre e de Culleredo

A intervención, que supón un investimento autonómico de case 380.000€, ten como obxectivo o fomento da mobilidade sustentable e a mellora da seguridade viaria

Executaranse dúas sendas diferentes e complementarias na marxe da vía autonómica, cunha lonxitude total de 680 metros: 540 na estrada AC-213 e 140 metros no ramal ao polígono de Alvedro

Un dos itinerarios será peonil e comprenderá o tramo que une o núcleo do Burgo e o dos Campóns, onde a estrada autonómica enlaza coa provincial
 

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto construtivo para a execución dun itinerario peonil e ciclista na estrada autonómica AC-213 na Telva, nos concellos de Cambre e de Culleredo.

Esta actuación conta cun investimento da Xunta de preto de 380.000 euros e ten como obxectivo fomentar a mobilidade sustentable e a mellora da seguridade viaria.

O DOG de hoxe tamén recolle a aprobación definitiva do expediente de información pública desta actuación. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://bit.ly/3CSDwYq

O Consello da Xunta do pasado xoves, día 23 de setembro, autorizou o decreto das expropiacións dos 11 predios necesarios para impulsar este proxecto, que ten como obxectivo a execución dunha senda de 680 metros de lonxitude na marxe da vía autonómica: 540 metros na AC-213 e 140 metros no ramal ao polígono de Alvedro.

A actuación deseñada polo departamento de Infraestruturas da Xunta consiste na execución dunha senda, que se desenvolve entre os puntos quilométricos 1+840 e 2+34, de modo que se complementen dous itinerarios diferentes.

En concreto, o primeiro itinerario será peonil e correspóndese co tramo que une o núcleo do Burgo e dos Campóns, onde a estrada autonómica enlaza coa estrada provincial DP-1702.

O outro itinerario, que parte tamén do Burgo, discorre en paralelo ao río Mero ata A Telva, continuando pola senda existente no polígono de Alvedro ata a estrada N-550. Neste tramo do Burgo á Telva, con alta afluencia de ciclistas, a actuación proxectada prevé dotar a senda dun carril bici de solo estabilizado, dando así continuidade a ese itinerario.

No que se refire ao deseño, a actuación formúlase como unha senda de 2 metros de anchura, con carril bici naquelas zonas que dan continuidade ao itinerario ciclista.

A Xunta prevé a convocatoria de levantamento das actas previas no cuarto trimestre do ano, coa previsión de poder licitar as obras a finais de 2021 ou principios de 2022. Os traballos contan cun prazo de execución de oito meses.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa a traballar para habilitar nas estradas de titularidade da Xunta itinerarios peonís seguros, sustentables e integrados na paisaxe.