O Centro Dramático Galego inicia as audicións a 80 aspirantes para integrar os elencos dos seus novos espectáculos

Foron 330 persoas as inicialmente presentadas para interpretar a adaptación de A Peste, de Albert Camus, baixo a dirección de Cándido Pazó, e de Ás oito da tarde cando morren as nais, dirixida por Marta Pazos con dramaturxia de AveLina Pérez

O Salón Teatro acolle as probas a partir desta tarde e ata o vindeiro xoves para a selección de 22 actrices e actores
 

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2021

O Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Xunta de Galicia, arrinca hoxe coa audición a 80 aspirantes a segunda fase do proceso de selección de 22 actrices e actores para as súas dúas novas producións propias. As probas desenvólvense ata o xoves no Salón Teatro de Santiago de Compostela e delas sairán os elencos definitivos para a adaptación de A Peste, de Albert Camus, con Cándido Pazó como director, e para Ás oito da tarde cando morren as nais, dirixida por Marta Pazos a partir da dramaturxia de AveLina Pérez.

O proceso comezou o pasado mes de xullo cunha primeira fase de valoración dos perfís profesionais, á que concorreron máis de 330 persoas. As 80 que superaron esta primeira selección enfróntase agora distribuídas en partes iguais ás probas de interpretación para os personaxes das pezas, optando nalgúns casos a varios roles.

No caso de A peste, contrataranse 15 intérpretes, tres coa categoría de protagonistas e 12 como principais, mentres que para Ás 8 da tarde cando morren as nais se contratarán sete, un deles como protagonista e os restantes como principais.

A duración dos contratos para as dúas producións será de tres meses e medio, distribuídos entre a segunda metade deste ano, desde a data de comezo dos ensaios, e a fin da exhibición, no primeiro semestre de 2022. As estreas están previstas para xaneiro, no caso do espectáculo de Cándido Pazó, e para abril, no de Marta Pazos.

As novas producións programadas para 2022 enmárcanse na dobre aposta do CDG pola dramaturxia galega contemporánea e polos clásicos, en liña coas producións xa realizadas deste ano: O charco de Ulises, Terceiro acto e Serva me, servabo te. O obxectivo é garantir a pluralidade na escena.