A Xunta entrega os diplomas aos 20 participantes no obradoiro que mellorou espazos públicos de Friol, Begonte e Rábade

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que o Goberno galego destina 694.000 euros a financiar o taller que finaliza e o novo que comeza en outubro nestes concellos

Ambos programas inclúen a posibilidade de contratar a todos os participantes en empresas da zona unha vez rematada a etapa formativa

Friol (Lugo), 27 de setembro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, entregou hoxe os diplomas aos 20 alumnos participantes no obradoiro dual de emprego Cumes da Terra Chá IV, compartido polos concellos de Friol, Begonte e Rábade. Tamén estiveron os respectivos alcaldes, José Ángel Santos, José Ulla e Francisco Fernández Montes.

Arias apuntou que a Consellería de Emprego e Igualdade leva destinados 694.000 euros en dous anos a fomentar o emprego nestes municipios a través de senllos obradoiros. Así, avanzou que en outubro comezará unha nova edición desta iniciativa, que ofrecerá oportunidades laborais a outras 20 persoas desempregadas.

Ademais, ambos talleres, o que finaliza e o novo, inclúen a posibilidade de contratar a todos os alumnos-traballadores en empresas da zona por un mínimo de tres meses a xornada completa unha vez transcorrido o período de formación. Con ese obxectivo, a Xunta concede incentivos á contratación.

O obradoiro que agora remata impartiu os módulos de ‘Pavimentos e albanelería de urbanización’ e ‘Operacións de formigón’, con seis alumnos; e ‘Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización’, con catorce inscritos.

“Os participantes melloran a empregabilidade formándose en oficios cunha boa saída laboral”, dixo Arias, “ao tempo que contribúen ao beneficio social executando obras ou prestando servizos nos concellos”, concluíu.

O traballo desenvolto por este obradoiro centrouse na cuarta fase da dotación de beirarrúas na marxe esquerda da estrada LU-231 no treito urbano de Friol; a pavimentación de rúas no barrio da Ponte de Rábade e o acondicionamento dun edificio municipal situado na praza Irmáns Souto Montenegro de Begonte, así como a execución de melloras na avenida Terra Chá de Baamonde.

Imaxes relacionadas