A Xunta acomete a mellora viaria de Laxes de Arriba, no concello de Oia, ao abeiro do Plan de infraestruturas rurais cun investimento de 40.000€

O delegado territorial, Luis López, e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, supervisan esta actuación, que permitiu renovar o firme da trama interna deste lugar da parroquia de Santa María

O Concello recibiu máis de 215.000€ da Consellería do Medio Rural para acondicionamento de vías nos tres últimos anos a través do Plan Marco para a mellora de camiños municipais de acceso a parcela agrícolas e do PIR

O departamento autonómico tamén vén de outorgarlle 40.000€ máis para actuacións similares dentro do Plan Marco deste ano

Oia, 27 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vén de acometer a mellora viaria do lugar de Laxes de Arriba, no Concello de Oia, ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) cun investimento de case 40.000 euros.
Por este motivo, o delegado territorial, Luis López, e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, achegáronse ata a zona para supervisar esta actuación, que foi concedida o pasado mes de febreiro e que permitiu renovar de xeito integral a capa de rodadura de trama viaria interna desta aldea da parroquia de Santa María de Oia.
Esta obra enmárcase nos 17 proxectos financiados no marco deste programa da Consellería do Medio Rural e que foron realizados na provincia de Pontevedra ao longo deste exercicio cunha partida global de 668.182 euros.
"O Concello de Oia ten unha importante dispersión e unha configuración principal de residencias unifamiliares que fan necesario que as vías estean en boas condicións para favorecer a mobilidade da veciñanza e por elo conta e seguirá contando coa colaboración da Xunta", explicou o representante autonómico, que destacou a solución técnica aportada polo Concello “para acometer axeitadamente esta obra, con formigón desactivado, co obxectivo de realizar unha actuación respectuosa coa contorna”.
Ademais, Luis López lembrou que a Consellería do Medio Rural vén de investir máis de 215.000 euros en melloras de camiños no Concello de Oia nos tres últimos anos co Plan Marco para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas e co Plan de Infraestruturas Rurais, que permitiron actuar en lugares como Piniño, A Granxa, Gandarelas, As Amadas e esta derradeira en Laxes de Arriba.
Finalmente, o delegado territorial anunciou que esta contía para pistas municipais do medio rural vaise incrementar outra vez este mesmo ano, xa que veñen de concederse 40.109,88 euros máis ao abeiro do Plan Marco a falla de que se resolvan outras convocatorias e ordes de axudas similares.

Imaxes relacionadas