A Xunta destaca o potencial dos camiños de Santiago do Norte na reactivación turística da España verde

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a encargada de pechar a derradeira xornada do Cumio Interautonómico dos Camiños de Santiago do Norte Peninsular

Na súa intervención destacou os lazos que unen aos territorios da España Verde ao contar con recursos turísticos únicos como o Camiño e lembrou que Galicia foi a única comunidade que en agosto superou a demanda turística prepandemia
 

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a encargada de clausurar o Cumio Interautonómico dos Camiños de Santiago do Norte Peninsular, que se celebrou ao longo destes tres últimos días en Mondoñedo, Lugo e Santiago.

Tres xornadas que serviron para por de manifesto a fortaleza dos lazos que unen ás comunidades do norte peninsular e a boa saúde dos Camiños de Santiago, verdadeiro eixe vertebrador da España Verde e un verdadeiro motor de reactivación económica e emocional no proceso de recuperación do turismo trala crise sanitaria.
Así, Castro destacou durante o peche do encontro que o Camiño “é desde hai séculos un fío de afecto que nos conectou como pobos e que nos trae unha mensaxe de cooperación, a través dos valores que compartimos coa Ruta Xacobea”.

A directora de Turismo aproveitou para enxalzar os valores comúns que unen aos territorios da España Verde, que a través do turismo e do Camiño e destacou os bos resultados acadados por Galicia neste verán: “Fomos a única comunidade que conseguiu superar en agosto os datos turísticos prepandemia cun 70% máis de viaxeiros que en agosto de 2020 e 27 puntos por riba da demanda nacional en comparación cos datos de 2019, o que nos permite pensar que estamos en condicións de conseguir un posicionamento de liderado na volta á esencia dos valores dunha sociedade fortemente impactada pola situación sanitaria”.

O Cumio Interautonómico dos Camiños de Santiago do Norte Peninsular reuniu a especialistas, técnicos e representantes institucionais das comunidades do norte peninsular co obxectivo de abordar os retos que afrontan estes trazados. O encontro contou, ademais, cun completo programa de actividades turísticas, culturais, musicais e gastronómicas que concluíu hoxe en Santiago de Compostela.