A Xunta continúa hoxe en Santiago os cursos gratuítos de condución segura de motocicletas

As xornadas están dirixidas a todos os motociclistas, incluídos os usuarios con permiso de conducir B+3, A1, A2 e A que desexen mellorar o control da motocicleta

Cada curso consta dunha quenda de mañá e outra de tarde, tendo cada grupo un máximo de 20 alumnos que dispoñen dun bloque teórico e doutro práctico

Esta edición formativa, que onte comezou en Ferrol e hoxe segue en Santiago de Compostela, continuará o 2 de outubro en Pontevedra e o 3 en San Cibrao das Viñas

A Xunta, coa presente convocatoria, terá ofrecido formación a máis de 800 persoas, a través dos 20 cursos desenvolvidos desde 2017 repartidos en 5 edicións
 

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2021

A Xunta continúa hoxe en Santiago de Compostela os cursos gratuítos de condución segura de motocicletas, tras os celebrados no día de onte en Ferrol.

Esta formación está dirixida a todos os motociclistas, incluídos os usuarios con permiso de conducir B+3 (B máis 3 años de antigüidade), A1, A2 e A que desexen mellorar o control da motocicleta e conducir de forma máis segura.

A xornada, que se está a desenvolver na explanada de Salgueiriños, comezou coa formación dunha primeira quenda ás 8.30 e rematará ás 13.30 horas, continuando pola tarde con outro grupo, entre as 15.50 e as 20.30 horas. Cada unha das quendas terá un máximo de 20 alumnos.

Os participantes asistirán primeiro a unha sesión teórica, que abrangue temas como o equipamento axeitado, as manobras, os tempos de reacción ou a meteoroloxía adversa, entre outros.

O curso tamén inclúe á formación práctica mediante a realización de manobras en parado, exercicios de axilidade e equilibrio, accións de freada e a realización dun itinerario completo.

Aposta pola seguridade viaria

Esta edición formativa, que onte comezou en Ferrol e hoxe segue en Santiago de Compostela, continuará o 2 de outubro en Pontevedra e o 3 en San Cibrao das Viñas.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dálle así continuidade os cursos gratuítos de condución segura de motocicletas postos en marcha no 2017 para sensibilizar na importancia da seguridade viaria e contribuír a reducir o risco de accidentes.

Coa celebración desta edición, a actividade formativa permitirá chegar a ofrecer, en total, formación a máis de 800 persoas, a través de 20 cursos, repartidos en 5 edicións.

Para levar a cabo estas xornadas, a Xunta conta coa colaboración da Unión de Moteros Europeos, Pons Seguridad Vial e a Escuela Nacional de Conducción de Motocicletas.

A seguridade viaria é unha materia prioritaria para o Goberno galego, que está a prestar especial atención aos usuarios máis vulnerables das estradas como os peóns, os ciclistas ou os motoristas.

Estas medidas complétanse con outras accións máis globais como a estratexia de eliminación dos treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas.

Imaxes relacionadas