A simulación de cobro formulada pola Federación Galega de Municipios e Provincias aplica de xeito equivocado as tarifas correspondentes por tramos de consumo e suma taxas excluíntes entre si

A Xunta aclara que a alegación da Fegamp sobre o impacto no recibo da Lei do Ciclo Integral da auga se basea en cálculos erróneos

A Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga non leva aparelladas novas taxas aos usuarios, simplemente reordena as que xa existen e substitúe as que aplican os concellos

O novo modelo de tarifas aplicarase unicamente naqueles concellos que soliciten voluntariamente que a Xunta asuma a xestión da súa depuradora

A xestión por parte de Augas de Galicia da depuradora municipal garantirá o seu correcto funcionamento, asegurando o bo servizo aos veciños e o coidado do medio

Actualmente, preto da metade das depuradoras municipais presentan deficiencias no seu funcionamento, prexudicando o medio natural e as actividades económicas como a pesca, o marisqueo ou o turismo

O Goberno galego impulsa esta norma para responder a necesidade contrastada de gran parte dos concellos para exercer de forma axeitada as súas responsabilidades de saneamento, depuración e abastecemento de auga
 

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2021

A Xunta aclara que a alegación presentada pola Federación Galega de Municipios e Provincias sobre o impacto da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga no recibo aos cidadáns está baseada en cálculos erróneos e, polo tanto, carece de verosimilitude.

Así, a simulación de cobro formulada pola Federación Galega de Municipios e Provincias resulta dunha aplicación equivocada das tarifas previstas para os diferentes treitos de consumo. Ademais, suma taxas excluíntes entre si. Polo tanto, os incrementos de cobro que se aventuran son falsos.

O anteproxecto de Lei de mellora de xestión do ciclo integral da auga propón un modelo tarifario de aplicación unicamente nos casos nos que os concellos decidan, voluntariamente, solicitar que a Xunta asuma a xestión da depuradora municipal.
Naqueles concellos que decidan continuar coa xestión da instalación por parte da administración local non se aplicará ningunha modificación sobre a denominación das tarifas.

Para os concellos que decidan encomendarlle a xestión dos seus servizos á Xunta, a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga non leva aparelladas novas taxas aos usuarios nin un incremento, simplemente unha reordenación das que xa existen.

Dese xeito, as taxas que cobraban antes os concellos por os servizos que agora encomendan a Aguas de Galicia pasarán a ser autonómicas.

Nos municipios nos que actualmente xestiona xa a depuradora, Augas de Galicia recada hoxe por este servizo unha taxa denominada “coeficiente de vertedura”. O anteproxecto de Lei establece a modificación dese imposto por un chamado “canon de xestión de depuradoras”, cunha denominación máis acaída ao servizo prestado. Trátase dun gravame equivalente á taxa de depuración que teñen o deber de cobrar os concellos que xestionan de forma directa a súa depuradora.

Ademais concellos nos que a Xunta asuma a xestión de sectores de colectores de saneamento recadará o canon correspondente á prestación dese servizo, polo que xa non poderá cobrar o concello. Polo tanto, non é axeitado sumar nos termos en que o fai a Fegamp ambas as dúas taxas para a simulación de cobro que formula: xa que suma o 100% da taxa de sumidoiro e o 100% da taxa de xestión de redes, que son excluíntes entre si.

As taxas que prevé recadar a Xunta nos concellos que voluntariamente lle encomenden os servizos do ciclo da auga prevén ademais diferentes tarifas por treitos de consumo, nun esquema adaptado á Directiva Marco da Auga e aos principios do Pacto Local da Auga pactados coa Fegamp.

A simulación do recibo presentada por esta institución, sen embargo, aplica a todo o consumo as tarifas prevista para o terceiro treito, tanto no caso da depuración como da xestión dos colectores de saneamento. Ademais, esquécese que o Concello non poderá cobrar pola xestión dos colectores que asuma a Xunta, o cal debe descontarse do recibo.

A reordenación de tarifas que prevé a Lei para aplicar unicamente nos concellos que soliciten que a Xunta asuma a depuradora terá un impacto estimado inferior a un euro no recibo mensual.

Ademais, as medidas de incremento da eficiencia no funcionamento dos sistemas poderán reducir os custos da prestación dos servizos, o que poderá reflectirse nos recibos.

Doutra banda, os recibos da auga que pagan os usuarios inclúen diferentes servizos, como a taxa de sumidoiros, a taxa de abastecemento ou mesmo o servizo recollida de lixo, que recadan xeralmente os municipios. Polo tanto, a suposta variación dunha taxa imposta pola Xunta en ningún caso suporía un incremento do importe global do recibo nas porcentaxes sinaladas pola Fegamp.

Erros coñecidos pola Fegamp

Os responsables de Augas de Galicia detallaron os erros da alegación na xuntanza mantida onte coa xunta de voceiros da Fegamp, na que tamén participaron técnicos das deputacións provinciais de Ourense e Pontevedra, ademais de representantes das empresas prestadoras dos servizos. Polo tanto, os erros nos que incorreu a FEGAMP na súa estimación de cobro foron explicados polo miúdo na xuntanza de onte e tamén clarificada a aplicación equivocada das tarifas que fai nos seus cálculos.

Na reunión, ademais, o Goberno galego e a Fegamp acordaron ampliar en 15 días o prazo de consultas para formular achegas ao anteproxecto de Lei.

A xestión por parte de Augas de Galicia da depuradora municipal garantirá o seu correcto funcionamento, asegurando o bo servizo aos veciños e o coidado do medio. Actualmente, preto da metade das depuradoras municipais presentan deficiencias no seu funcionamento, prexudicando o medio natural e as actividades económicas como a pesca, o marisqueo ou o turismo.

O Goberno galego impulsa esta norma para responder a necesidade contrastada de gran parte dos concellos para exercer de forma axeitada as súas responsabilidades de saneamento, depuración e abastecemento de auga.