A Xunta apoia o traballo das redeiras galegas a través do proxecto “Saberes no Camiño” de “O teu Xacobeo”

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, participaron hoxe na inauguración da iniciativa

O Goberno galego destaca que o programa implica a este colectivo na celebración do Xacobeo 21-22 a través dunha proposta que pon en valor o seu traballo e, ao mesmo tempo, enxalza a riqueza do Camiño de Santiago
 

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, inauguraron hoxe o pop up Saberes no Camiño, no marco da programación O Teu Xacobeo, que incluirá demostracións en vivo das distintas artes das redeiras. A Xunta destaca que este proxecto cumpre con todos os obxectivos de O Teu Xacobeo, xa que implica a un colectivo como as redeiras na celebración do Xacobeo 21-22 e contribúe a enxalzar a riqueza cultural, natural e os valores do Camiño de Santiago.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que o traballo das redeiras permite desenvolver tamén o turismo vinculado ao mar e o turismo industrial vinculado ás conserveiras, o que contribúe a personalizar e diversificar a oferta turística de Galicia.

Pola súa parte, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, enxalzou o traballo que realizan as redeiras como elo fundamental das actividades do mar pois é un dos oficios máis antigos e tradicionais do sector, subliñou. Ademais destacou a capacidade destas profesionais para poñer en práctica todas as técnicas de confección e montaxe dos aparellos de pesca e tamén de reparación e mantemento. Unhas tarefas, engadiu, que son esenciais para o desenvolvemento da actividade pesqueira.

O programa O Teu Xacobeo busca a implicación de municipios, empresas e entidades sen ánimo de lucro nun Xacobeo participativo, descentralizado e cunha programación espallada por todo o territorio galego con actividades en máis de 200 concellos. A iniciativa presentada hoxe inclúese entre as 572 apoiadas pola Xunta nas dúas edicións de O Teu Xacobeo cun investimento de case 8 millóns de euros e case 15 millóns movilizados.