A Xunta participa nunha camiñada pola muralla de Lugo para conmemorar o Día Internacional das Persoas Xordas

Lugo, 25 de setembro de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participou hoxe no acto conmemorativo do Día Internacional das Persoas Xordas organizado pola Asociación de Persoas Xordas de Lugo (ASORLU). González Abeijón percorreu a Muralla de Lugo co resto de participantes na camiñada de maneira simbólica para loitar pola defensa dos dereitos do alumnado xordo.

A xornada continuou coa lectura dun manifesto para dar visibilidade ás persoas xordas e recordar que todos os seres humanos merecen ter as mesmas oportunidades e para reivindicar que así sexa. Os asistentes ao acto conmemorativo tamén puideron desfrutar dunha actuación cultural en lingua de signos.