A Xunta de Galicia emitiu xa preto de 2 millóns de certificados covid para a cidadanía

As oficinas de farmacia integraron nos rexistros da Xunta o resultado das probas de autotest dun total de 42.373 persoas, das que 498 tiveron un resultado positivo

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia emitíu un total de 1.950.300 certificados covid. Deles, 1.877.744 foron certificados de vacinación, 44.633 foron certificados de resultado de proba diagnóstica e outros 27.923 certificados de ter superado a enfermidade.

Ademais, e tras aprobarse por parte do Goberno de España a venda de autotest nas oficinas de farmacia, a Xunta de Galicia asinou, co obxectivo de evitar unha maior carga asistencial na atención primaria, un acordo cos Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia para que as oficinas de farmacia adheridas poidan acreditar a validez dos resultados destas probas e integrar os seus resultados nos rexistros do sistema público de saúde. Até o día de hoxe, as oficinas de farmacia rexistraron os resultados das probas dun total de 42.373 persoas, que permitiron localizar a 498 persoas con resultado positivo.

Así mesmo, a Xunta de Galicia, en colaboración coas áreas sanitarias, estivo a realizar tests de antíxenos de xeito gratuíto nos puntos situados nos diferentes distritos sanitarios. Unha vez que se pecharon estes puntos, o balance final indica que se realizaron tests a un total de 27.816 persoas, o que permitiu detectar 311 casos positivos.

Imaxes relacionadas