Preto de 800 menores de 21 anos de Deza viaxan de balde por toda Galicia coa tarxeta Xente Nova da Xunta, que permite aforrar 1.350€ anuais nas viaxes cara a Santiago

O concello de Lalín é o que conta co maior número de mozos e mozas que xa dispoñen deste dispositivo, un total de 362, seguido de Silleda e de Vila de Cruces, con 208 e 118 dispositivos, respectivamente

A listaxe de tarxetas Xente Nova expedidas na comarca complétase coas 47 de Rodeiro, as 44 de Agolada e as 12 tarxetas expedidas en Dozón

O emprego no transporte público da Xunta deste dispositivo permite á familia dun rapaz de Lalín un aforro de 1.500€ ao ano se traslada a diario a estudar a Ourense ou a Lugo

No conxunto da Comunidade son máis de 101.500 os menores de 21 anos que viaxan de balde coa tarxeta Xente Nova da Xunta, que desde que se estendeu a toda Galicia incrementou nun 25% a súa expedición
 

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2021.-

Un total de 791 menores de 21 anos da comarca de Deza viaxan xa de balde nos autobuses interurbanos da Xunta por toda Galicia coa tarxeta Xente Nova, que lles permite aforros anuais de 1.350 euros ao ano nas viaxes cara a Santiago de Compostela.

Desde que o pasado 21 de maio a Xunta estendeu a súa cobertura territorial a toda a comunidade a expedición deste dispositivo segue incrementándose en toda a comarca.

Máis en detalle, e por concellos, Lalín conta co maior número de mozos e mozas que xa dispoñen da tarxeta Xente Nova, un total de 362, seguido de Silleda e de Vila de Cruces, nos que se expediron 208 e 118 dispositivos, respectivamente.

A listaxe de tarxetas Xente Nova expedidas na comarca complétase coas 47 de Rodeiro, as 44 de Agolada e as 12 tarxetas expedidas en Dozón.

Coa tarxeta Xente Nova, os mozos menores de 21 anos da comarca de Deza teñen dereito a realizar ata 60 viaxes ao mes de balde en calquera das máis de 3.300 liñas de autobús renovadas que xestiona a Xunta, desprazándose gratuitamente cara aos municipios veciños de Silleda, de Agolada ou de Rodeiro, pero tamén cara a cidades como Santiago, Ourense, Pontevedra ou Lugo e polos 313 concellos galegos.

Grazas a esta medida social, moi potente e demandada polos concellos da comarca nos que son moitos os mozos que no curso lectivo se desprazan a estudar cara a outras cidades, os menores de 21 anos dos municipios de Deza poden viaxar gratis empregando a Xente Nova.

A tarxeta Xente Nova supón para a familia dun rapaz de Lalín que se despraza todos os días a estudar a Santiago no transporte público da Xunta aforros de ata 1.350 euros ao ano, nos 9 meses que dura o curso. No caso dun mozo de Lalín que estude en Ourense ou en Lugo o aforro anual será de 1.500 euros; e se estuda en Pontevedra ese aforro increméntase ata os 1.800 euros ao ano.

A tarxeta Xente Nova supón unha conquista social para a mocidade galega no acceso a servizos básicos como a educación e a sanidade, mediante un transporte público gratuíto; un revulsivo no fomento do transporte entre os máis novos; e tamén un alivio para o peto das familias, que quedan liberadas de afrontar o gasto do transporte dos seus fillos.

No conxunto da Comunidade son máis de 101.500 os menores de 21 anos que viaxan de balde coa tarxeta Xente Nova da Xunta, que desde que se estendeu a toda Galicia, o pasado 21 de maio, incrementou nun 25% a súa expedición.