Máis dun cento de centros de saúde superan o 60% de atención presencial

Dende hai unha semana, pódese pedir cita presencial a través do teléfono, a páxina web do Servizo Galego de Saúde ou a app Sergas Móbil

O 65% dos cidadáns galegos consiguen cita en primaria en menos de dous días e o 84% en menos de catro días

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2021

A Xunta segue a avanzar cara a unha maior atención presencial nos centros de saúde co obxectivo fixado de chegar ao 60% a finais de ano. Así, dende hai unha semana, a cidadanía galega xa pode pedir cita presencial co seu centro de saúde a través do teléfono, a páxina web ou a app Sergas Móbil, tal e como se facía antes da pandemia, coa opción de elixir presencial ou, no caso de que o cidadán considere que pode ser atendido por teléfono, a cita será dese xeito.

Ao respecto das medidas emprendidas pola Xunta de Galicia para reformar o primeiro nivel asistencial, o departamento sanitario galego informou aos representantes das organizacións sindicais da Mesa Sectorial de Sanidade, celebrada hoxe no Edificio Administrativo do Sergas baixo a presidencia da directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña Álvarez, dos avances que está a realizar nesta materia o Executivo galego. Na reunión estiveron presentes, así mesmo, a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Estrella López-Pardo, e o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas.

En concreto, xa se está a ter máis do 60% de presencialidade no 30% dos centros de saúde de toda Galicia, en 131 de 448. As áreas que está á cabeza son Lugo, cun 52% e Ourense cun 46%. Ademais, o 65% dos cidadáns galegos conseguen cita en primaria en menos de dous días e o 84% en menos de catro días.

As reformas previstas e prometidas para atención primaria polo Goberno galego estanse a poñer en marcha tal e como se anunciaron, ao tempo que se está a traballar en novas cuestións. Trátase dun modelo que permitirá dotar dunha maior autonomía aos centros, así como mellorar a redistribución das tarefas entre as categorías profesionais que desenvolven as súas funcións neles, reorganizar a demanda, e levar a cabo accións que incrementen aínda máis a relación coa atención hospitalaria.

Está xa case rematada a implantación das axendas de calidade dos médicos, que posibilitan unha reorganización da actividade segundo as características de cada centro e melloran a xestión dos tempos dos facultativos, e xa se pechou, recentemente, o documento que definirá as axendas de enfermería para a súa posta en marcha nos vindeiros meses.

De xeito inmediato, comezarán as reunións dos grupos de traballo que definirán as axendas de calidade para odontólogos, hixienistas dentais e matronas.
En definitiva, a Xunta seguirá avanzando e facilitándolle o traballo aos profesionais que exercen en atención primaria e ofrecéndolle á cidadanía galega unha mellor atención.

Imaxes relacionadas