Trenor inaugura a nova senda peonil e ciclista entre Carral e Tabeaio que supuxo un investimento da Xunta de 153.000 euros

O delegado da Xunta destacou que esta senda levará o nome de Martín Cortés, un veciño do Concello moi querido e implicado na vida social da parroquia que contribuíu á mellora dos servizos e das infraestruturas neste municipio

O novo itinerario é froito do convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que asumiu o financiamento da actuación, e o Concello de Carral, que licitou e executou as obras

A senda executouse nun tramo da estrada nacional moi concorrido, unindo os dous núcleos de poboación principais do Concello co polígono industrial dos Capelos
 

Carral (A Coruña), 24 de setembro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, inaugurou esta mañá a nova senda peonil e ciclista que une Carral con Tabeaio, que supuxo un investimento da Xunta de 153.000 euros.

A actuación é froito do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Carral, polo que a Xunta financiou integramente a actuación e o Concello asumiu o compromiso de licitar e executar as obras.
Trenor destacou a importancia desta obra porque é unha actuación encamiñada a favorecer a mobilidade, reforzar a seguridade viaria e a mellorar a calidade de vida dos veciños.

Actuouse nun treito da estrada nacional moi concorrido, que une os dous núcleos poboacionais principais do municipio co polígono industrial dos Capelos.
Máis concretamente, habilitouse unha senda con espazo diferenciado para peóns e ciclistas á altura do polígono dos Capelos, entre os puntos quilométricos 15+150 e 16+800 pola marxe dereita da estrada N-550, desde o punto no que finalizan as beirarrúas de Tabeaio ata a entrada a Carral.

A lonxitude total do itinerario supera os 1,6 quilómetros lineais e conta cun ancho de 3,5 metros. Tamén foi necesario ampliar a obra de paso que salva o río Brexa.

Segundo explicou Gonzalo Trenor, o novo itinerario dá resposta ás solicitudes veciñais, contribuíndo a un tránsito máis seguro de peóns e ciclistas nunha estrada moi perigosa e moi transitada. Ademais, permite unir dous núcleos de poboación moi importantes.
Esta actuación, recalcou o representante do Goberno autonómico, “permitirá aos traballadores do polígono industrial dos Capelos acceder ao mesmo andando ou en bicicleta optando por un medio de transporte máis sostible e saudable o que tamén permitirá unha redución no tráfico”.

Trenor subliñou, ademais da utilidade que terá esta vía, o seu simbolismo porque levará o nome dun dos veciños máis queridos da parroquia que morreu no ano 2018: Martín Cortés Cacheiro, que contribuíu á posta en marcha de varios proxectos como a actual pista polideportiva ou o local da entidade cultural Xente Nova. “Ademais, de poñer á disposición dos veciños este novo tramo peonil, estamos contribuíndo a preservar a memoria dun veciño moi querido por todos”, destacou o delegado da Xunta.

Esta actuación busca promover unha mobilidade sustentable e segura, favorecendo os desprazamentos cotiás dos veciños.
 

Imaxes relacionadas