O titular do Goberno galego clausurou o acto do XX Aniversario do Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia

Feijóo destaca o compromiso coas pemes do sector forestal a través da aposta pola competitividade e o deseño no seu modelo produtivo

Salienta tamén os traballos coa industria para levar a cabo proxectos no eido da bioeconomía e a transición verde, que poidan optar a financiamento europeo

Refírese á madeira como un vector estratéxico para o futuro do rural e lembra que en máis de 20 comarcas esta industria está entre os tres primeiros sectores industriais por emprego xerado

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso coas pemes do sector forestal a través da aposta pola competitividade e o deseño no seu modelo produtivo.

Durante o acto de clausura do XX Aniversario do Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia, Feijóo referiuse deste xeito á colaboración da Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación, coa Fundación DIDAC, co obxectivo de poñer en marcha o novo Programa de deseño para a innovación e sustentabilidade 2024: Diferenza.

Así mesmo, recordou que a bioeconomía e a transición verde son claves desde o punto de vista tanto da recuperación económica como a nivel climático. “E por iso traballamos coa industria para levar a cabo proxectos nesta liña que poidan optar a financiamento europeo”, dixo, destacando a proposta que se presenta baixo o paraugas da Xestión sustentable dos bosques galegos.

Conformada por tres iniciativas: un centro de clasificación e reciclaxe de residuos téxtiles, unha planta de produción de pulpa e fibra celulósica sustentable e un hub de innovación dixital, Feijóo subliñou que este proxecto, cun investimento de 1.200 millóns de euros, implicaría a creación de 3.200 empregos directos e 6.500 indirectos, ademais da absorción de entre 25.000 a 45.000 toneladas de CO2 pola área forestal xestionada.

No tocante á iniciativa Tech Madeira, o titular da Xunta destacou que entre os obxectivos atópanse: a construción dunha planta piloto de novos materiais sostibles derivados da madeira con aplicación na industria estratéxica galega -téxtil, automoción, fabricación de mobles, naval ou aeuronáutica-; desenvolver proxectos de ecodeseño e ecoinnovación; a dixitalización da industrial forestal; e a promoción da construción con madeira local.

O responsable do Executivo autonómico concluíu lembrando que o sector da madeira é hoxe un vector estratéxico para o futuro do rural. Non en van, en máis de 20 comarcas esta industria está entre os tres primeiros sectores industriais por emprego xerado; e a cadea forestal-madeira supón o 12% do emprego industrial na Comunidade e o 1,8% do PIB.

Imaxes relacionadas