A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, abordou o anteproxecto de Lei co presidente e membros da Fegamp, técnicos das Deputacións da Coruña, de Ourense e de Pontevedra e das empresas explotadoras dos servizos da auga

A Xunta acorda coa Fegamp ampliar o prazo para presentar achegas á Lei do ciclo da auga, que propón un modelo de axuda voluntaria aos concellos ante unhas competencias complexas

Vázquez Mourelle sinala que, para reforzar a participación, é a segunda vez que se atende a petición da FEGAMP e se amplía o prazo de consultas noutros 15 días

Destaca o dobre obxectivo de avanzar na mellora da calidade das augas e apoiar aos concellos nas súas competencias de abastecemento, saneamento e depuración

Augas de Galicia xestiona 28 depuradoras municipais e agora todos os concellos que o soliciten voluntariamente terán esa opción dun modelo de colaboración con garantías de eficacia, atendendo aos principios do Pacto Local

Explica que as dificultades na xestión das instalacións quedan constatadas no feito de que a metade das depuradoras que explotan os concellos teñen deficiencias

Indica que a Xunta leva investidos máis de 1.100 M€ en actuacións hidráulicas, e cómpre garantir tamén que esas instalacións funcionen de forma axeitada

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2021

A Xunta acorda coa FEGAMP ampliar o prazo para presentar achegas á Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, que propón un modelo de axuda voluntaria aos concellos ante unhas competencias complexas.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co secretario xeral da Consellería, Joaquín Macho, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, abordou, xunto con técnicos da Administración hidráulica, o anteproxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, co presidente e os membros da xunta de voceiros da Fegamp, técnicos das Deputacións provinciais da Coruña, de Ourense e de Pontevedra e representantes das empresas explotadoras dos servizos da auga.
Vázquez Mourelle sinalou que a Xunta aposta pola transparencia e a participación neste procedemento polo que, aínda que xa se ampliara en 15 días o prazo de consultas da lei ata o 15 de setembro, agora se volve estender outros 15 días máis, segundo o acordado na reunión de hoxe.
Neste sentido, demandou ánimo construtivo por parte dos concellos, das deputacións provinciais e dos diferentes grupos políticos porque se trata da calidade das augas, un asunto que merece a suma de esforzos.

Subliñou que a lei ten unha dobre orixe: avanzar na mellora da calidade das augas dos ríos e das rías de Galicia e atender a necesidade de apoio de moitos concellos para exercer as competencias de abastecemento, saneamento e depuración, que son custosas e complexas.
Salientou que estas dificultades se constatan no feito de que a metade das depuradoras que xestionan os concellos teñen deficiencias, o que pode supoñer consecuencias negativas para a saúde pública, o medio natural, a pesca, o marisqueo ou o turismo.
Ethel Vázquez lembrou que, segundo os principios do Pacto Local, a lei busca ordenar, ampliar e estender esa axuda aos concellos.
Hai un grupo de concellos que teñen o privilexio de verse liberados da responsabilidade de xestionar as súas depuradoras municipais, dese traballo técnico e dos custos económicos. Neste sentido, detallou que Augas de Galicia xestiona 28 depuradoras municipais e agora daráselle esa oportunidade a todos os concellos que soliciten esa encomenda da explotación dos seus servizos, nun modelo de colaboración con garantías de eficacia.
Fixo fincapé en que a Xunta vén prestando apoio aos concellos nesas responsabilidades, e leva investidos máis de 1.100 millóns de euros en actuacións que conseguiron mellorar nunha medida moi importante a calidade das augas galegas.
Incidiu na necesidade de que, ademais de executar infraestruturas, cómpre que estas funcionen de forma axeitada, para o que a lei establece a necesidade de implantar plans de loita contra os vertidos ou para a eliminación das augas de chuvias nas redes de saneamento, ademais de medidas de eficiencia enerxética.

Imaxes relacionadas