A mostra da Xunta en homenaxe a Xela Arias "Asinamos ser libres" chega á Coruña

O secretarios xerais de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e de Política lingüística, Valentín García, inauguraron hoxe a exposición itinerante na Biblioteca Pública Miguel González Garcés

Poderá visitarse ata o 14 de outubro, para logo continuar o seu percorrido por Galicia ata finais de ano no marco das Letras Galegas 2021

A Coruña, 24 de setembro de 2021

Os secretarios xerais de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e de Política Lingüística, Valentín García, inauguraron hoxe na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, xestionada pola Xunta, a exposición itinerante Asinamos ser libres, unha homenaxe a Xela Arias no marco das Letras Galegas 2021. A mostra pode visitarse ata o 14 de outubro na sala de exposicións situada no primeiro andar do centro bibliotecario.

Comisariada pola profesora e biógrafa María Xesús Nogueira, a instalación componse de dez paneis nos que se combinan texto explicativo e fragmentos de obras e de intervencións da autora con fotografías de Xulio Gil, do Arquivo familiar Arias Castaño e do Arquivo de Edicións Xerais de Galicia. Como resultado, ofrécese un amplo percorrido pola vida e as diferentes vertentes profesionais e culturais que abrangueu a escritora.

No acto desenvolvido hoxe, os representantes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacaron a relevancia desta iniciativa, que está a prolongar a homenaxe a Xela Arias no tempo e no territorio, a prol do coñecemento desta figura das letras galegas. Dela sinalaron a súa preocupación por contribuír á normalización da cultura galega, na que explorou territorios diversos, así como pola renovación da linguaxe poética, coa que abriu novos horizontes estéticos.

Percorrido vital e profesional

Asinamos ser libres inclúe referencias á infancia de Xela Arias, situando como os seus espazos vitais Sarria e Lugo, onde naceu e pasou parte da súa infancia, e Vigo, onde chegaría con sete anos para ficar. Tamén reflicte como o contexto de efervescencia política e cultural da década dos 80 marcou a súa adolescencia e paso á vida adulta.
Canto á súa actividade poética, afóndase nos seus inicios, nos soportes nos que publicou e nas influencias do contexto literario e sociopolítico do momento. A mostra recolle ademais a súa faceta no eido da tradución, no que foi pioneira, e a conxugación do seu texto coa imaxe a partir da súa relación co fotógrafo Xulio Gil e que deu como froito o traballo Tigres coma cabalos.

Outro dos episodios destacados neste achegamento á figura de Xela Arias é o da maternidade, cuxa relevancia quedou patente no seu libro Darío a diario, e a publicación do seu derradeiro poemario Intempériome, que tamén conxugou con outras linguaxes, neste caso a musical. O repentino falecemento da autora e o seu legado pechan o amplo percorrido vital e profesional que pode visitarse xa na Biblioteca Pública da Coruña.

Asinamos ser libres arrincou o pasado maio na biblioteca Ánxel Casal, en Santiago, e percorreu os centros bibliotecarios da Xunta en Pontevedra e en Lugo, así coma outros espazos de Vigo, Ourense, Sarria e Outes. Tras o seu paso pola Coruña, a mostra continuará a súa itinerancia ata fin de ano pola biblioteca da Xunta en Ourense, a Casa da Cultura de Boiro e a Fundación Curros Enríquez-Casa dos Poetas do concello ourensán de Celanova.