A Xunta publica a orde que regula a creación, composición, organización e funcionamento das unidades multidisciplinares de atención asistencial no Sergas

Proporcionarán unha atención eficiente e de máxima calidade aos pacientes afectados por patoloxías que requiran unha abordaxe multidisciplinar

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2021

A Consellería de Sanidade vén de publicar, no Portal de Transparencia e Goberno Aberto, o Proxecto de orde pola que se regula a creación, composición, organización e funcionamento das unidades funcionais multidisciplinares de atención asistencial no Sergas. Deste xeito, a Xunta cumpre así un mandato do Parlamento de Galicia, que aprobou por unanimidade o pasado febreiro unha proposición non de lei que solicitaba á Xunta a regulación e homoxeneización das unidades multidisciplinares de mama e avanzar nas de outras patoloxías. Nunha visita á unidade de mama do Hospital Meixoeiro de Vigo en abril, o presidente da Xunta comprometeu a aprobación dunha normativa para harmonizar este modelo organizativo, humanizar a asistencia e dotar aos profesionais de servizos integrados de información.

A experiencia dos últimos anos pon de manifesto que para unha abordaxe máis adecuada de determinadas patoloxías requírese dunha organización máis transversal, na que profesionais de distintos niveis asistenciais, e pertencentes a diferentes servizos, se coordinen para prestar unha atención integral e, entre outros, acordar e implantar protocolos integrados que repercutan nun maior grado de eficacia e eficiencia da atención sanitaria aos pacientes.

Coa orde que se está a tramitar preténdese establecer un modelo xeral de atención en unidades funcionais multidisciplinares, co fin de outorgar unha atención de máxima calidade a determinadas patoloxías ou especialidades que requiren dunha intervención multidisciplinar.

Modelo máis eficaz, eficiente e completo

Trátase de establecer un sistema ou modelo de organización dos recursos asistenciais que o Sergas pon a disposición da cidadanía máis eficaz, eficiente e completo, de xeito que, no caso de determinadas patoloxías ou problemas médicos que poida padecer unha persoa (paciente), estes sexan atendidos de xeito coordinado polos distintos servizos médicos que se considere preciso que interveñan. Exemplos deste modelo son as Unidades Funcionais Multidisciplinares Post-Covid, ou as de Enfermidades Raras, nas que se observou na práctica as necesidades deste tipo de ordenación e organización funcional.

Este modelo busca evitar ao paciente periplos innecesarios e garantir unha mellor atención e tamén un mellor uso dos recursos e unha maior eficiencia. As unidades contarán con diferentes disciplinas de ámbito sanitario e socio sanitario que se dimensionarán en función da patoloxía concreta á que vai destinada a súa creación, así como a carga asistencial esperada.

Todas as unidades que se creen ao abeiro desta orde deberán contar cun Plan Funcional que deberá definir os seus obxectivos e actividades.

Sinalar, así mesmo, que as unidades multidisciplinares de atención asistencial disporán dun comité clínico que estará composto polos membros básicos da unidade e por aquel outro profesional dos distintos niveis asistenciais, primaria e hospitalaria, que sexa necesario en función das necesidades de cada paciente.