A Xunta avoga pola asistencia residencial individualizada, personalizada e innovadora na visita á residencia de maiores das Gándaras

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou hoxe os usuarios da residencia afincada en Lugo

Lugo, 24 de setembro de 2021

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe os usuarios da residencia de maiores das Gándaras, centrada no coidado físico e mental dos nosos maiores a través dunha atención sociosanitaria personalizada para cada residente.

Antón Acevedo coñeceu os distintos espazos e instalacións do centro, como a área de atención especializada, na que se prestan servizos como o de atención psicolóxica, rehabilitación do parkinson ou a atención xeriátrica. Tamén se achegou á área de servizos xerais, onde se levan a cabo os coidados persoais, a atención social por parte do centro e o servizo de comedor, entre outras.

Neste senso, o director xeral de Asistencia Integral Sociosanitaria subliñou a importancia de traballar con métodos residenciais baseados na persoa, nas necesidades individuais, e sobre todo, na innovación, que permitirá avanzar cara un futuro cun envellecemento activo e unha mellor atención das persoas que viven nas residencias, e envellecer cara un futuro máis activo e eficiente.