A Xunta pon en servizo o aparcadoiro executado en Conxo no marco das obras de mellora da entrada do Camiño Portugués en Santiago

O novo estacionamento, cun investimento de 415.000 euros, ten capacidade para 82 prazas, máis das que existían antes na zona do Campo de Conxo

O aparcadoiro tamén dá servizo aos usuarios do centro de saúde e a equipamentos como o cemiterio, o centro sociocultural ou a Axencia Galega de Innovación

No seu deseño combináronse pavimentos de formigón e aglomerado pulido, conserváronse as árbores da contorna, dispúxose unha zona verde ao seu arredor, con espazos entre as prazas que permiten crecer vexetación

A integración paisaxística do Camiño Portugués en Conxo supón un conxunto de actuacións, entre elas o novo aparcadoiro, e un investimento global da Xunta de 2,76 M€

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2021

A Xunta puxo en servizo esta mañá, ás 09.00 horas, o aparcadoiro construído en Conxo no marco da actuación de mellora e integración paisaxística do Camiño Portugués ao seu paso por este barrio compostelán.

O novo aparcadoiro, cun investimento da Xunta de preto de 415.000 euros, executouse nunha parcela de titularidade do Sergas e conta con capacidade para 82 prazas, permitindo compensar e aumentar as prazas que había no Campo de Conxo, agora renovado e conformado como unha nova praza. Cómpre lembrar que nesa zona, antes da actuación, os vehículos aparcaban de modo desordenado fronte ao propio mosteiro.

O novo aparcadoiro tamén dá servizo ao centro de saúde e a equipamentos como o cemiterio, a Axencia Galega de Innovación ou o centro sociocultural.

No deseño do aparcamento traballaron a Axencia Galega de Infraestruturas, o arquitecto Alfonso Salgado e o coordinador dos traballos Xerardo Estévez, buscando compatibilizar funcionalidade e integración nunha contorna de gran valor. Para iso, combináronse pavimentos de formigón e aglomerado pulido, conserváronse as árbores preexistentes, rodeouse o aparcamento dunha zona verde e deixáronse espazos entre prazas que permiten crecer vexetación.

A intervención de mellora e integración paisaxística do Camiño Portugués en Conxo é a obra principal neste ámbito de actuación, na que a Xunta de Galicia mobilizou un investimento de 2,76 M€ nun conxunto de actuacións que melloraron o Camiño, pero tamén a súa integración urbana.

A maior parte das actuacións na contorna de Conxo están finalizadas, só pendentes de remates, sendo necesario para rematar a intervención na rúa Escurrudía o retranqueo de servizos por parte das compañías subministradoras.

Imaxes relacionadas