A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica participou na inauguración da IV Xornada da frota de cerco. Prácticas de pesca sostibles

A Xunta aposta pola xestión sostible dos recursos pesqueiros e avoga por avanzar neste eido no marco da revisión da Política Pesqueira Común

O Executivo galego lembra que o mar é unha das principais fontes de riqueza das zonas costeiras e que na ordenación da actividade deben terse en conta tanto os aspectos medioambientais como os económicos e os sociais

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica salienta a importancia de xerar alimentos saudables, crear postos de traballo dignos e acadar a neutralidade climática así como avanzar no eido da investigación

Sada (A Coruña), 24 de setembro de 2021

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, participou hoxe na inauguración da IV Xornada da frota de cerco. Prácticas de pesca sostibles, onde salientou que a aposta pola sustentabilidade debe ser unha cuestión crucial na xestión dos recursos e na ordenación pesqueira. Neste sentido, lembrou que é un dos asuntos prioritarios de Galicia de cara á revisión da Política Pesqueira Común avogando por unha actividade sostible e compatible coa conservación da biodiversidade.
“É unha cuestión indispensable para unha economía azul sostible que xere alimentos saudables, cree postos de traballo dignos e contribúa á neutralidade climática”, subliñou a representante da Consellería do Mar durante o encontro organizado pola Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga). Mercedes Rodríguez incidiu en que se trata dun obxectivo que se pode acadar co esforzo de todos os sectores azuis implicados e mediante o traballo conxunto da industria e das ONG coa mediación da Unión Europea.

Por iso destacou que xornadas coma esta sobre a pesca sostible son fundamentais para avanzar neste eido e conseguir que a actividade se desenvolva de xeito sustentable tanto desde o eido medioambiental como desde o económico e o social. Nesta liña, lembrou que as zonas costeiras teñen no mar unha das súas principais fontes de riqueza e que a xestión dos recursos debe lograr un equilibrio entre a preservación dos stocks e o mantemento da actividade da frota e das familias que dependen deles.

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica tamén resaltou a importancia de seguir avanzando na investigación, coa colaboración entre os científicos e os profesionais do sector, para dispoñer dos mellores datos posibles e optimizar así a xestión dos caladoiros.

A representante da Xunta de Galicia agradeceu a celebración desta xornada por parte de Acerga -a cuarta sobre a frota de cerco ao abeiro do seu plan de produción e comercialización- pois permite debater e analizar asuntos clave para o desenvolvemento futuro do sector. Por iso, animou á tamén organización de produtores pesqueiros (OPP) a avanzar neste camiño e continuar coa busca constante de respostas ás necesidades dos seus asociados.

A xornada

Este cuarto encontro organizado pola Asociación de Armadores de Cerco de Galicia contará coa intervención de expertos, representantes gobernamentais e institucionais que analizarán distintos aspectos como o futuro regulamento europeo de control da pesca, medidas para optimizar o uso das cotas pesqueiras ou a nova normativa sobre pesca sostible e investigación pesqueira.