A Xunta mostra en Ourense unha selección de gravados composteláns dos séculos XVII e XVIII

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición ‘Símbolos xacobeos e imaxes de Santiago. Impresos do barroco compostelán’

Organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, poderá visitarse ata xaneiro de 2022 na Sala de Afundación, na Praza Maior

Ourense, 23 de setembro de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe en Ourense a exposición Símbolos xacobeos e imaxes de Santiago. Impresos do barroco compostelán, organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial. Na mostra, que poderá visitarse ata o 16 de xaneiro de 2022 na Sala de Afundación situada na Praza Maior, a Xunta expón unha selección de 61 gravados composteláns dos séculos XVII e XVIII.

Segundo salientou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade na súa intervención, trátase de pezas abertas por afamados gravadores locais e foráneos, utilizadas polas tipografías composteláns, co denominador común de que aparezan os símbolos xacobeos ou a imaxe de Santiago. Con elas atendíase “unha tripla demanda, a da Universidade, coas follas de grao, do Cabido, para documentos relacionados co culto xacobeo, e estampas de finalidade relixiosa destinadas á devoción popular”, explicou.

Comisariada por Yolanda Barriocanal, profesora da Universidade de Vigo, a mostra reúne e ordena unha selección destas ilustracións en diferentes soportes. Anxo M. Lorenzo sinalou tamén que a instalación recrea un escenario mudable e ilusorio, conforme á sensibilidade e teatralidade propia do Barroco.

Xunto ao secretario xeral, participaron no acto de inauguración a comisaria, o director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Xulio Rodríguez, e o vicepresidente de Afundación, Xosé Carlos Caneiro.