O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación do evento

A Xunta de Galicia apoia o VI Festival Intercéltico 'O Son do Pazo 2021'

O representante da Xunta pon en valor esta cita para divulgar tanto a nosa música como os oficios tradicionais vencellados a ela

Mos (Pontevedra), 23 de setembro de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do VI Festival Intercéltico O Son do Pazo 2021, un evento que conta co apoio da Xunta de Galicia. O festival está organizado polo Círculo Cultura e Deportivo Santa Eulalia de Mos e celebrarase nesta localidade pontevedresa este venres 24 e sábado 25.

O representante da Xunta de Galicia puxo en valor citas como o festival mosense, “que afondan na música galega e de raíz e que contribúen ademais á divulgación dos oficios máis tradicionais vencellados á nosa historia musical”. Non en balde, durante os dous días do festival, desenvolveranse mostras de coiro e instrumentos tradicionais e diferentes obradoiros.

No eido das actuacións, abrirán o festival o grupo Fillos D’Pile e a banda de gaitas do Casco Vello. A sesión vermú do sábado correrá a cargo de Cé Orquestra pantasma e Acordeireta, mentres que pola tarde será a quenda de Artur Puga (cun obradoiro de baile) e da banda de gaitas Airiños do Castelo. Lagharteiras, Fiandola e Pelepau porán o ramo ao festival.