A Xunta declara iniciativa empresarial prioritaria a ampliación da conserveira Ignacio González Montes de Ribeira, o que reduce á metade o prazo de tramitacion do proxecto

A empresa prevé investir 9,5 millóns de euros e crear 35 postos de traballo, o 90% deles para mulleres da comarca do Barbanza

Esta proposta integra as actividades de acondicionamento e loxística nunha única localización, mellorando a eficiencia, os custos e a competitividade da compañía, ao tempo que se potencia a economía circular e se mellora a xestión dos residuos e da auga

Esta declaración enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa, que busca potenciar a captación de investimentos e a creación de emprego de calidade, mantendo todas as garantías xurídicas durante a tramitación do proxecto

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2021

O Consello da Xunta declarou hoxe como iniciativa empresarial prioritaria o proxecto de ampliación da conserveira Ignacio González Montes, que ten por obxectivo dotar da infraestrutura necesaria á planta de Couso (Ribeira), mellorando así a capacidade de almacenamento de materias primas e os procesos produtivos de cara ao seu crecemento futuro.

Esta declaración enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa, que supón, na práctica, a redución á metade dos prazos de tramitación para levar a cabo un proxecto, mantendo ao mesmo tempo todas as garantías xurídicas durante o procedemento. Así, poténciase a captación de investimentos para Galicia e a creación de emprego de calidade.

Neste caso concreto, pode facilitar o desenvolvemento dunha iniciativa que suporá a creación de 35 postos de traballo directos, o 90% deles para mulleres da comarca do Barbanza, favorecendo así o emprego feminino e impulsando a igualdade e a cohesión social e territorial. Ademais, mobilizaranse investimentos por valor de 9,5 millóns de euros, dándose ademais prioridade, no proceso de contratación, a provedores galegos e da zona de destino do investimento.

Así, con esta actuación que agora se axiliza, a conserveira poderá integrar as actividades de acondicionamento e loxística nunha única localización, mellorando a eficiencia, os custos e a súa competitividade.

Neste sentido, a ampliación da planta contribuirá á redución de gases de efecto invernadoiro, xa que están proxectadas medidas de eficiencia enerxética térmicas, a instalación de paneis fotovoltaicos, e a substitución de caldeiras de fuel por gas natural. Deste xeito, e de modo simultáneo, poténciase a economía circular e a mellora da xestión dos residuos e da auga.

O proxecto enmárcase entre as primeiras iniciativas empresariais prioritarias de Galicia, tras as declaradas polo propio Consello da Xunta para as iniciativas de Hijos de Carlos Albo e Aluminios Cortizo. Polo tanto, esta figura busca potenciar novas oportunidades empresariais e laborais en Galicia con máis simplificación administrativa; máis incentivos fiscais ás empresas; e máis facilidades para acceder ao solo empresarial.

A declaración de proxectos empresariais como prioritarios implica a concorrencia de razóns de interese público para tramitar de maneira urxente os procedementos administrativos, e implica o seguimento e impulso dos trámites posteriores necesarios a través da oficina Doing Business, creada pola Xunta de Galicia para contribuír á eliminación de obstáculos e barreiras á actividade empresarial.

Neste marco, a ampliación das instalacións de Ignacio González Montes contribuirá a consolidar un sector estratéxico para Galicia, supoñendo un efecto tractor na economía. Ademais, o proxecto axuda a impulsar unha industria orientada a dar maior valor engadido aos sectores tradicionais e con alto potencial de crecemento, imprescindibles para ser competitivos no modelo económico global.