A Xunta impulsa o torneo de rugby inclusivo que se celebra esta fin de semana en Ribadeo, no marco do programa O teu Xacobeo

O Goberno galego achega 20.000 euros á iniciativa, na que participan equipos de España, Francia e Portugal que integran a persoas con discapacidade intelectual

Ribadeo (Lugo), 23 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia apoia a iniciativa Incluíndo co Camiño, o I Torneo de rugby inclusivo a VII que organiza o Club Ribadeo Rugby e que se celebrará nesta localidade entre mañá e o sábado.

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo achega 20.000 euros a través do programa O teu Xacobeo a esta proposta transversal que conxuga o deporte, a inclusión social, a cultura e os valores do Camiño, entre outros.

O torneo terá lugar no Campo da Vía e reunirá a equipos que integran a xogadores con discapacidade intelectual, procedentes de Galicia e do resto de España, Francia e Portugal. En total, serán arredor de 80 deportistas convidados, aos que se suman familiares e acompañantes, árbitros ou voluntarios.

Trátase dun evento que pretende mobilizar a máis de 1.000 persoas, incluíndo o público asistente ao torneo e ás que xa pasaron polas carpas informativas que durante os últimos días se instalaron en puntos do Camiño Norte de distintos municipios da Mariña, co obxectivo de promocionar tanto esta modalidade deportiva como a ruta xacobea.

O programa complétase con actividades paralelas que promoven a participación de creadores e artistas da zona, nos eidos da música, a pintura e a fotografía; ao remate do torneo celebrarase unha festa con actuacións musicais de grupos locais e degustación de produtos da zona. Habilitarase no propio campo un espazo con xogos de habilidades adaptados ao público.