Política Social pon en valor os modelos residenciais baseados na innovación e na atención personalizada nunha visita ao centro de maiores de Bóveda

Lugo, 23 de setembro de 2021

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou hoxe os usuarios do Centro para persoas con Discapacidade Física de Bóveda, un espazo de atención integral especializada, que está destinado a persoas con dependencia por unha discapacidade física gravemente afectada. Alí puxo en valor os métodos residenciais baseados na innovación e que teñen como obxectivo alcanzar un futuro e unha saúde mellorada para as persoas que máis o precisan.

Durante a súa visita o director xeral salientou o traballo diario que se leva a cabo nestas instalacións, nas que se ofrece unha atención innovadora, personalizada e adaptada a cada un dos usuarios atendendo ás súas necesidades persoais. Acevedo percorreu as instalacións da residencia e coñeceu de primeira man os servizos que prestan, como a atención psicolóxica, a de enfermaría, a de estimulación psicomotriz, os obradoiros de memoria ou estimulación cognitiva e a terapia ocupacional, entre outras actividades.

Imaxes relacionadas