A Consellería do Mar favorece a rexeneración das zonas de marisqueo de Arousa con 17,5 millóns de unidades de semente de ameixa

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informan da resolución destas axudas para O Salnés, dotadas con 384.000€, nunha visita á Confraría de Pescadores Virxe do Rosario de Vilaxoán

A entidade de Vilagarcía vai recibir máis de 77.000 euros en tres achegas para a sementeira de 1.650.000 unidades de ameixa en Preguntoiro, Rial Parques e O Castelete e para a restauración do banco de Saíñas

“A Xunta está a repoboar os bancos marisqueiros de toda Galicia con 55 millóns de unidades de ameixa e, loxicamente, a ría de Arousa, pola súa riqueza e importancia para o sector, ten un peso moi importante nestas axudas”, explicaron os representantes autonómicos

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 23 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, vai favorecer a repoboación e rexeneración dos bancos de marisqueo da zona litoral da ría de Arousa coa subvención de máis de 17,5 millóns de unidades de semente de ameixa a través de achegas que superan os 384.000 euros e que benefician a oito confrarías de pescadores da comarca do Salnés.

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, informaron desta resolución de axudas da convocatoria de 2021, destinadas á rexeneración das zonas de marisqueo e protección dos seus ecosistemas, para a comarca arousana nunha visita realizada esta mañá á Confraría de Pescadores Virxe do Rosario de Vilaxoán. Nela estiveron acompañados polo patrón maior, Joaquín Santos, e por representantes municipais de Vilagarcía de Arousa.

A entidade de Vilaxoán vai recibir tres axudas, por un importe global de máis de 77.000 euros, que permitirán a sementeira de 725.000 unidades de ameixa babosa no banco de Preguntoiro, doutras 925.000 da variedade xaponesa en Rial Parques e O Castelete e a restauración con áridos na zona de marisqueo a pé correspondente coa contorna de Saíñas.

“A confraría de Vilaxoán leva recibindo nestes anos axudas para a rexeneración dos bancos e a modernización da súa lonxa e agora vén de contar con novas achegas da Xunta que lle permitiron comezar coa repoboación de ameixa a comezos de setembro e que continuará con este proceso ata a primavera de 2022 tanto para o marisqueo a pé como desde a embarcación”, explicaron os representantes autonómicos.

Susana Rodríguez e Luis López louvaron o traballo e a traxectoria da confraría de Vilaxoán, unha das dúas do municipio de Vilagarcía, “xa que ten máis dun século de historia desde a creación do Pósito de Pescadores en 1919 e conta cunha longa tradición na pesca e o marisqueo sostida na actualidade polos seus 130 socios”.

Actuación global na comarca

Ao abeiro da convocatoria deste ano, a Consellería do Mar vén de aprobar achegas por 267.288 euros a prol de oito proxectos de cinco confrarías do Salnés dentro da orde cofinanciada pola FEMP para apoiar o cultivo de ameixa babosa e fina e a realización doutras actuacións en hábitats costeiros para a reprodución de organismos mariños e tamén outras axudas por valor de 117.465 euros para oito entidades arousanas no marco da liña destinada a proxectos de rexeneración que permitan mellorar o rendemento dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción.

“A Xunta está a repoboar as zonas marisqueiras de toda Galicia con 55 millóns de unidades de ameixa e, loxicamente, a Ría de Arousa, pola súa riqueza e importancia para o sector, ten un gran peso nestas axudas e as súas confrarías van sementar máis do 30% das unidades destinadas a todo o litoral da comunidade”, detallaron os representantes autonómicos. 

Axudas para a repoboación de ameixa babosa e restauración de hábitats costeiros

Confraría
Achega
Unidades de repoboación
O Grove
36.000€
1.000.000
O Grove
22.500€
625.000
Vilaxoán
55.725€
725.000
Vilaxoán
6.655€
Restauración en Saíñas
Carril
74.308€
3.166.666
Carril
18.300€
818.182
A Illa de Arousa
28.000€
1.200.000
Vilanova
25.800€
1.250.000

 

Axudas para incremento da produtividade dos bancos marisqueiros

Confraría
Achega
Unidades de repoboación
O Grove
15.000€
1.125.000
A Illa de Arousa
15.000€
1.000.000
Rañeiros da Ría
15.000€
1.000.000
Cambados
14.200€
2.000.000
SCG Ría de Arousa
13.565€
847.860
Carril
15.000€
937.500
Vilaxoán
14.800€
925.000
Vilanova
14.900€
931.250

Imaxes relacionadas