A Xunta destina 264.000 euros a mellorar a eficiencia enerxética e as instalacións do CEIP Rosalía de Castro de Bóveda

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, sinalou que as empresas interesadas teñen de prazo ata o 4 de outubro para participar no proceso de licitación

Procederase a reforzar o illamento, substituír carpinterías e iluminación ou reformar aseos, entre outras actuacións

Bóveda (Lugo), 23 de setembro de 2021

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade acometerá obras de mellora da eficiencia enerxética e funcional no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Rosalía de Castro de Bóveda, ás que destina 264.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o centro e explicou que o contrato está en proceso de licitación e as empresas interesadas teñen de prazo ata o día 4 de outubro para presentar ofertas.

Os traballos incluirán o reforzo do illamento, substitución de carpinterías e iluminación ou a reforma de aseos, entre outros, e contarán cun prazo máximo de execución de tres meses.

Arias subliñou que a Consellería “está a realizar un importante esforzo para modernizar as instalacións educativas, dando resposta ás necesidades lectivas pero tamén medioambientais, sanitarias ou de convivencia”. Neste sentido, lembrou que o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia “extrae leccións da pandemia e aplica novos enfoques para a remodelación dos centros”.

No caso do colexio de Bóveda, boa parte das actuacións están encamiñadas a lograr un aforro no consumo enerxético e, en consecuencia, de emisións contaminantes á atmosfera. Así, vaise mellorar a envolvente térmica do edificio inxectando illante nas cámaras da fachada e colocando illamento sobre o forxado baixocuberta.

Igualmente, substituiranse portas e ventás por outras cunha carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidros de dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos e de seguridade, e con cámara de aire intermedia. Tamén se colocará falso teito acústico e iluminación LED, e cambiarase a cheminea da caldeira de calefacción por outra de aceiro inoxidable.

A intervención completarase coa reforma dos aseos das plantas baixa e primeira, o pintado de todos os paramentos verticais e portas do centro, a substitución da rede horizontal de saneamento exterior, e outras melloras no soportal de acceso ao centro e no valo de peche.

Obras recentes

Durante a súa visita ao colexio Rosalía de Castro, Javier Arias comprobou o resultado das obras acometidas recentemente na cociña, onde se renovaron as instalacións de gas, fontanería e saneamento ademais dos acabados de paredes e chan.

O delegado apuntou que nos dous últimos anos a Xunta investiu 77.000 euros nesta e noutras actuacións como a construción dunha rampla de acceso, a instalación dun baño nunha aula de Educación Infantil, a ampliación da biblioteca e o cambio dalgunhas ventás. “O investimento nos centros educativos é constante -indicou-, porque é a nosa prioridade ofrecer un ensino público de calidade en todo o territorio, especialmente no rural”.

Imaxes relacionadas