Sanidade pón en marcha a nova campaña de inspeccións vencellada ao Plan de hostalería segura

Entre os meses de febreiro e xuño, os inspectores de Saúde Pública visitaron un total de 20.234 establecementos

Do conxunto de visitas realizadas, soamente se iniciaron informes para corrixir os incumprimentos en 154 locais, o que representa o 0,76% do total

Sanidade prevé realizar máis de 1.000 visitas semanais aos establecementos do sector hostaleiro
 

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2021

A directora xeral de Sáude Pública, Carmen Durán, informou esta mañá na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, dos resultados da campaña de reforzo posta en marcha pola Xunta, para velar polo cumprimento das medidas sanitarias fronte a covid nos establecementos galegos.
Neste sentido, os máis de 200 inspectores que conforman o equipo de inspección de Saúde Pública, visitaron un total de 20.234 establecementos, distribuídos por toda a xeografía galega. Nomeadamente, entre os meses de febreiro e xuño, o persoal sanitario visitou 4.896 establecementos pertencentes ao sector de alimentación, 584 centros comerciais e prazas de abastos, 2.628 instalacións deportivas, 12.034 establecementos de hostalería e 92 pertencentes a outros sectores.
Os inspectores informaron e asesoraron aos propietarios dos locais sobre como debían proceder para cumprir as medidas sanitarias implantadas. Así, comprobaron que o 55% dos locais estaban cumprindo todas as medidas, dando lugar a inspeccións favorables. Ademais, detectaron que o 34% rexistraban deficiencias leves e, soamente o 11%, presentaban incumprimentos.
Do conxunto de visitas realizadas, só se iniciaron informes para corrixir os incumprimentos detectados en 154 locais, o que representa o 0,76% do total.
Carmen Durán detallou que a Dirección Xeral de Saúde Pública optimizou a relación de establecementos a visitar. Primeiramente, de acordo á situación epidemiolóxica de cada concello, e tamén, atendendo aos sectores nos que tiña lugar unha maior interacción social. Ademais, abundou a directora “desenvolveuse unha nova ferramenta tecnolóxica” que permitíu “axilizar a recollida de información”.
Na súa comparecencia, Durán tamén achegou os datos obtidos durante o período estival, no que respecta ao cumprimento das medidas nas praias galegas. Sobre este particular, sinalou que o persoal de inspección de Saúde Pública realizou máis de 500 visitas aos areais para verificar o cumprimento das medidas covid. Neste ámbito, as revisións foron favorables no 61% dos casos, detectándose deficiencias no 25% dos areais, e incumprimentos no 14% das visitas.

A directora xeral, avanzou que, o vindeiro mes de outubro, comezará a nova Campaña de inspección para a mellora das medidas sanitarias na hostalería, que terá como obxectivo verificar o cumprimento das medidas recollidas no Novo Plan de Hostalería Segura.
Así, apuntou que está previsto levar a cabo máis de 1.000 verificacións á semana, reforzando as inspeccións realizadas nos horarios de máis afluencia aos locais de hostalería e que, para elo, reforzarase o persoal adicado a este labor en torno ao 30%
Seguindo o establecido no novo Plan de Hostalería Segura, Sanidade valorará a aplicación de medidas sanitarias adicionais que fomenten espazos máis seguros e que ofrezan todas as garantías. Entre outras, o cumprimento dos aforos permitidos, respectar as distancias de seguridade, a medición continua ou discontinua de CO2 , a acreditación de cursos de formación básica ou avanzada, o tipo de máscara que se lle ofrece ao persoal, a existencia dun rexistro de clientes ou a posibilidade de ofertar probas diagnósticas aos traballadores.

Imaxes relacionadas