A Xunta inviste 30.000€ na adquisición de novos equipamentos para a Escola Superior de Restauración de Pontevedra

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade dota ao centro dun equipo de análise de material de última xeración e comeza a implantar o sistema de renovación de aire nos talleres

A escola, que vén de iniciar o curso académico 2021/2022 con máis dun cento de alumnos matriculados, oferta as especialidades de Escultura, Pintura e Arqueoloxía

Pontevedra, 23 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de investir máis de 30.000 euros nunha nova mellora da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, emprazada en Pontevedra, coa adquisición de equipamentos para seguir modernizando a súa actividade lectiva.

Así, o departamento autonómico vén de dotar ao centro dun equipo de análise de material, un Raman Portátil, e de comezar coa implantación do sistema de renovación de aire nos talleres.

O xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez, acudiu ata o centro co servizo de inspección educativa para comprobar o funcionamento neste comezo de curso e para supervisar os novos investimentos.

O Raman portátil vaise empregar para os traballos de campo nos que participa esta escola, ben realizando informes ou estudos previos ou nas campañas que se efectúan co alumnado, especialmente na área de Arqueoloxía. Trátase dun aparello de última xeración que emprega unha técnica de análise non destrutiva para caracterizar compostos orixinais presentes nos obxectos que forman o patrimonio cultural.

Por outra banda, o sistema de renovación de aire nos talleres xa se instalou no derradeiro andar e, progresivamente, irase despregando polas outras dúas plantas co obxectivo de favorecer a ventilación nas salas nas que se empregan produtos nocivos como disolventes ou vernices.

A Escola de Restauración acaba de celebrar o seu trixésimo aniversario -o segundo centro oficial que se abríu en España- e comezou o curso académico 2021/2022 con máis dun cento de alumnos e todas as prazas cubertas no seu primeiro curso. Oferta as especialidades de Escultura, Pintura e Arqueoloxía.

Imaxes relacionadas