A Xunta anima á cidadanía a participar no Festival Mar de Mares que acollerá A Coruña e que porá en valor os océanos e os produtos pesqueiros galegos

Gonzalo Trenor destacou o importante esforzo do Goberno autonómico para difundir os produtos da artesanía e da industria alimentaria ligada ao mar a través do Mercado do Mar que terá lugar o sábado no marco deste evento

A Coruña, 23 de setembro de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou na presentación do Festival Mar de Mares que esta fin de semana encherá de actos e actividades A Coruña.
Trenor destacou que nesta oitava edición, “a cidade se converterá un ano máis na capital dos océanos, xa que é o mellor escenario para a celebración deste amplo programa con varias actividades de todo tipo que teñen todas como obxectivo concienciar á cidadanía sobre a importancia da protección dos nosos ecosistemas mariños” .
No Festival Mar de Mares de 2021 a Xunta de Galicia fai un importante esforzo por dar a coñecer e por en valor os produtos da artesanía e da industria alimentaria ligada ao mar a través do Mercado do Mar. Este evento terá lugar o sábado nunha ubicación especial, La Mansión 1783, un edificio emblemático que se converterá no mellor escaparate dos produtos pesqueiros de Galicia.
Alí Angel de León do Aponiente en Cádiz, coñecido como “O chef do Mar”, e Javier Olleros do restautante Culler de Pau do Grove, darán mostra do bo facer nos fogóns ao servizo da sustentabilidade pois ambos son defensores da riqueza dos océanos e da cociña quilómetro 0 e suman cinco estrellas Michelín.
Trenor subliñou que neste evento a Xunta porá en valor a campaña GALICIA SABE AMAR coa que se promociona o consumo de produtos do mar frescos e en conserva. “GALICIA SABE AMAR é a forma de devolverlle ao sector todo o que nos deu: traballo, esforzo e sacrificio. E, en definitiva, amor ao mar de Galicia”, afirmou.
O representante do Goberno autonómico rematou afirmando que desde a Consellería do Mar se está a traballar intensamente para trasladar á sociedade, con mimo, as bondades dunha alimentación adecuada, saudable e sostible

Imaxes relacionadas