As obras da avenida da Deputación de Sabón, en Arteixo, farán necesario un corte do tráfico na avenida da Ponte durante esta fin de semana

O corte comezará o sábado ás 8 horas e prolongarase ata as 20 horas do domingo, cando quedará restablecido o tráfico, evitando así a afección á circulación en días laborables

O tráfico quedará restrinxido na avenida da Ponte para acceder á avenida da Deputación, para o que se disporá do correspondente desvío alternativo, sinalizado con antelación na avenida de Fisterra, na avenida da Enerxía e na avenida Deputación

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2021

A execución das obras de ampliación que está a acometer a Xunta na avenida da Deputación de Sabón, en Arteixo, farán necesario un corte do tráfico na avenida da Ponte durante esta fin de semana.
O corte comezará o sábado ás 8 horas e prolongarase ata as 20 horas do domingo, cando quedará restablecido o tráfico, evitando así a afección á circulación en días laborables.
Deste xeito, quedará restrinxido o tráfico da avenida da Ponte para acceder á avenida da Deputación, para o que se habilitará o correspondente desvío alternativo.
Para facilitar a mobilidade, este corte estará sinalizado con antelación, na avenida de Fisterra, na avenida da Enerxía e na avenida Deputación.
Este peche de circulación é necesario para avanzar nas obras de ampliación da capacidade e humanización da avenida da Deputación no polígono de Sabón, que está acometendo o departamento que dirixe Ethel Vázquez.

Esta actuación, que desdobra os carrís para gañar fluidez no tráfico, conta cun investimento autonómico de máis de 6,3 M€ e prevese o seu remate para o próximo verán.

Con esta intervención integral perséguese solucionar os problemas de fluidez do tráfico que se xeran nas horas puntas nesa contorna, favorecer os movementos e facer máis cómodos e seguros os desprazamentos das persoas que cada día se achegan ao polígono.

O proxecto consiste no desdobramento dos carrís da avenida da Deputación, que pasará a ter 4 carrís en todo o trazado, entre a glorieta elevada de Sabón e a da avenida da Enerxía, onde se atopa a ITV.

No primeiro treito, entre a glorieta de Sabón e a avenida do Embalse, acometerase un carril adicional en sentido Coruña, con conexión directa ao ramal de acceso ao nivel inferior da rotonda, o que mellorará os tráficos e a fluidez dos vehículos pesados. Tamén se habilitarán beiravías, beirarrúas e unha zona con aparcadoiro en liña.

No segundo tramo, entre as avenidas do Embalse e da Moda, duplicaranse os carrís por cada sentido e dotarase a zona de aparcadoiro en liña e beirarrúa e beiravías. Ademais, executaranse muros de contención para salvar as afeccións coas parcelas existentes.

No terceiro treito, entre as avenidas da Moda e da Enerxía, duplicaranse os carrís con separación mediante mediana física, e habilitaranse en ambas marxes, beirarrúas con beiravías de 1 metro de ancho.