A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asistiron á primeira xornada do torneo

A Xunta destaca o primeiro Campionato galego de surf adaptado por dar visibilidade á inclusión das persoas con discapacidade

Medio cento de deportistas participan neste evento que comeza hoxe e se celebrará ata o domingo na praia de Patos

Nigrán (Pontevedra), 22 de setembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asistiron na praia de Patos, en Nigrán, ao primeiro Campionato galego de surf adaptado, que comeza hoxe e que se celebrará ata o domingo. Alí, puxeron en valor a vontade inclusiva do torneo no que participan medio cento de deportistas con discapacidade.

Fabiola García felicitou a Quenlla Surf Clube pola organización deste evento e recordou a necesaria implicación de todo tecido social para conseguir unha integración real das persoas con discapacidade. Deste xeito, subliñou o apoio da Xunta ás entidades que a diario traballan neste eido, por ser un aliado fundamental para conseguir a igualdade de oportunidades para todas as persoas.

Ademais, a conselleira de Política Social asegurou que é unha honra para o Goberno galego acoller esta competición no entorno da Residencia de Tempo Libre de Panxón, na que nos últimos cinco anos se investiron medio millón de euros en actuacións para renovalo. De feito, véñense de licitar por máis de 270.000 euros as obras de substitución da cuberta.

Preto de 4000 licencias

Pola súa parte, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, comezou por sinalar o crecemento exponencial que ven de producirse nestes últimos anos neste deporte na Comunidade Autónoma; de 720 licenzas coas que rematou o 2019, pasáronse a 3949 en 2020, e este 2021 vai camiño de pecharse con idénticas cifras de récord. “Galicia é unha referencia nacional e internacional para esta modalidade deportiva”, remarcou o secretario xeral quen destacou os eventos deportivos que cada ano se celebran en Galicia e as excelentes condicións naturais galegas como algunhas das claves do éxito do surf en Galicia.

Finalmente, o secretario xeral para o Deporte, quen fixo tamén especial fincapé no coidado e responsabilidade medioambiental do deporte en xeral e do surf en particular, acabou remarcando cómo “estes campionatos de surf adaptado representan a esencia do deporte, da inclusión e da igualdade de oportunidades; un exemplo de cómo o deporte e o surf son motor dunha integración social activa”.

Imaxes relacionadas