A Xunta traslada ao Goberno a importancia de que incorpore o proxecto AutoAncora na asignación dos fondos europeos a través do Perte da automoción

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta mañá na presentación do Perte en Vigo, onde avogou pola colaboración entre administracións

AutoAncora, promovido polo conxunto da industria galega da automoción -o Grupo Stellantis, Ceaga e CTAG- co apoio da Xunta de Galicia, prevé un investimento final de ao redor de 1300 millóns de euros
 

Vigo, 22 de setembro de 2021-

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe en Vigo na presentación do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) do sector da automoción, onde trasladou a vontade da Xunta de Galicia de buscar fórmulas que posibiliten o desenvolvemento da iniciativa AutoAncora no marco do mencionado Perte.

Neste sentido, desde o Goberno autonómico lémbrase que este é un proxecto estratéxico para Galicia, que está chamado a exercer un efecto tractor sobre o ecosistema empresarial, e que conta co apoio de toda a industria automobilística.

Por este motivo, a Xunta de Galicia ofrece a máxima colaboración entre administracións, e confía na implicación do Goberno central para que AutoAncora forme parte da asignación final de fondos europeos Next Generation e, polo tanto, sexa un elemento diferencial no marco do Perte vinculado á industria da automoción.

Cómpre lembrar que este proxecto, promovido polo conxunto da industria galega da automoción -o Grupo Stellantis, Ceaga e CTAG- co apoio do Goberno galego, prevé un investimento final de ao redor de 1300 millóns de euros, apostando pola automoción do futuro co foco posto na sustentabilidade, a dixitalización e as novas tecnoloxías, o que se traducirá en oportunidades para avanzar en novos modelos e solucións innovadoras no caso de lograr esta asignación de fondos europeos.