Política Social salienta o imprescindible labor do persoal das residencias na mellora da calidade de vida das persoas maiores

Ourense, 22 de setembro de 2021

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou hoxe os usuarios da residencia de maiores de Ramirás, pertencente á Fundación Valdegodos. Alí, salientou o labor imprescindible que os centros residenciais levan a cabo diariamente, que adquiriron especial relevancia durante o ano da pandemia, no que día a día os profesionais traballaron na mellora da calidade de vida dos nosos maiores.

Durante a visita, Antón Acevedo, acompañado polo director da Fundación Valdegodos, Miguel Blanco, puido percorrer as instalacións da residencia e coñecer os servizos que presta, como o de acompañamento, a través do cal o persoal sanitario do centro fai un seguimento e dá apoio no proceso médico. O director xeral puxo en valor os métodos residenciais baseados na adaptación ás novas necesidades das persoas maiores, así como en traballar na mellora da calidade de vida e na saúde das persoas que máis o precisan.