A Xunta remata as obras de rehabilitación do firme da estrada LU-644 entre Bóveda e O Incio, ás que destinou 285.000 euros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que se actuou sobre un tramo de 10 quilómetros para mellorar a seguridade

O Incio (Lugo), 22 de setembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de rehabilitación do firme nun treito da estrada LU-644 (Rubián-Cruz do Incio), nas que investiu 285.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado dos traballos que, explicou, permitiron actuar nun tramo de 10 quilómetros entre os municipios de Bóveda e O Incio, en concreto dende o punto quilométrico 0,880 ata o 10,990.

A actuación levouse a cabo durante o último mes, con cargo ao contrato de conservación ordinaria e vialidade invernal da zona sur. Consistiu na mellora da capa de rodaxe mediante a execución dun microaglomerado en frío e o posterior repintado da sinalización horizontal.

Con esta intervención melloráronse as condicións de adherencia do pavimento, a visibilidade e a seguridade da vía en xeral. Neste sentido, Arias destacou que a Xunta realiza un labor constante de mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns.
 

Imaxes relacionadas