A Xunta e o Concello de Baltar asinan un convenio de colaboración para reformar o centro de saúde

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 48.366 euros, unha partida económica que será cofinanciada, a partes iguais, entre a Xunta e o concello

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o tenente alcalde de Baltar, José Antonio Feijóo López, asinaron esta mañá un acordo bilateral no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade. No acto, estiveron acompañados pola directora xeral de Recursos Económicos, María Jesús Piñeiro Bello.
O investimento deste proxecto de mellora ascende a 48.366 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais pola Xunta e o concello. O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde e o papel de intermediación do delegado territorial para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde desa localidade contarán, a partir do ano que vén, cun centro de saúde mellor e máis confortable.
As obras, logo do informe dos técnicos do Sergas, consistirán na substitución integral da cuberta, colocación dun falso teito e instalación de iluminación completa acorde co novo falso teito.

Imaxes relacionadas