A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle, e o alcalde, Ángel García Seoane, selaron telematicamente o acordo para impulsar a actuación

A Xunta e o Concello de Oleiros asinan a colaboración para reforzar a seguridade dos desprazamentos peonís na AC-173 en Arillo cun investimento de 210.000€

Executaranse dous treitos de itinerario peonil e ciclista na marxe dereita da AC-173 e na marxe esquerda da AC-181 para unir a urbanización Rialta, en Arillo, co actual itinerario en Lourido

A Xunta achegará o 90% do investimento, preto de 189.000 €, correspondéndolle á entidade local contribuír co 10% restante, así como licitar e executar as obras

O itinerario de senda da AC-181 conectará as beirarrúas da rúa Aguia, que dá acceso á urbanización Rialta, coa nova senda peonil executada na parcela do Pazo de Arillo

O treito do itinerario da AC-173 partirá da nova senda do Pazo de Arillo, na rúa Vencello, e conectará co itinerario existente en Lourido

Esta cooperación da Xunta co Concello enmárcase no fomento de investimentos que resolvan problemas nas infraestruturas, favorecendo o desenvolvemento de itinerarios peonís seguros e achegando maior calidade de vida á cidadanía

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle, asinou co alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, a colaboración para executar unha obra de mellora da seguridade viaria peonil na estrada autonómica AC-173 en Arillo, cun investimento de case 210.000 euros.

O convenio de colaboración, asinado de xeito telemático, impulsa a execución de dous treitos de itinerario peonil e ciclista na marxe dereita da AC-173 e na marxe esquerda da estrada AC-181 para conectar a urbanización Rialta, en Arillo, co itinerario existente en Lourido.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez cofinanciará a actuación achegando un 90% do investimento, preto de 189.000 euros. O concello contribuirá co 10% do financiamento restante e comprométese tamén a xestionar a disposición dos terreos necesarios para poder levar a cabo a actuación, así como a licitar e a executar as obras.

As intervencións

A estrada autonómica AC-173 discorre en paralelo á costa occidental do concello de Oleiros, agás na localidade de Arillo, onde o trazado vai polo interior do municipio. A estrada soporta unha elevada intensidade de tráfico, tanto no inverno como en época estival.

O convenio asinado por ambas as dúas administracións ten como o obxectivo darlle continuidade ao itinerario dotado con beirarrúas entre Santa Cruz e Arillo. A partir deste punto, as beirarrúas ou sendas son intermitentes, polo que se propón reforzar a seguridade dos desprazamentos peonís.

Máis en concreto, executarase un primeiro treito da senda entre os puntos quilométricos 0 e 0+040 da estrada AC-181. O itinerario conectará as beirarrúas existentes na rúa Aguia, que dá acceso á urbanización Rialta, coa nova senda peonil executada na parcela do Pazo de Arillo.

O segundo treito discorrerá entre os puntos quilométricos 6+680 ata o 6+940 da estrada AC-173. O trazado partirá da senda peonil do Pazo de Arillo, na rúa Vencello, e conectará co itinerario existente en Lourido.

A senda configúrase con dúas seccións tipo: unha sección con senda de 3,5 metros de ancho, e aparcadoiro de 2,75 metros, nunha lonxitude de 30 metros.

No resto da estrada AC-173 disporase outra sección tipo, con zona de tránsito peonil de 2,5 metros de ancho diferenciada do carril bici, que contará con 2,2 metros de ancho. Nas zonas con maior espazo, o tránsito peonil e ciclista separarase da calzada da estrada mediante unha franxa axardinada de 2,5 m de ancho.

A cooperación do departamento de Infraestruturas da Xunta co Concello de Oleiros enmárcase no fomento de investimentos que resolvan problemas nas infraestruturas, favorecendo o desenvolvemento de itinerarios peonís seguros e achegando maior calidade de vida á cidadanía.