A conselleira de Política Social, Fabiola García, participou esta mañá nun coloquio con entidades perceptoras da convocatoria anterior

A Xunta publica a orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF que permitirá poñer á disposición das entidades sociais de Galicia 20,7 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia publica un adianto de 11,5 millóns de euros que lle permitirá aos perceptores ir deseñando os programas que van poñer en marcha

No acto participaron catro entidades perceptoras destas axudas: a Fundación Ronsel, a Asociación Rural Terra e Xente, ACCEM e a Federación de Centros Xuvenís Don Bosco
 

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas con cargo a casilla social do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) que este ano permitirá poñer á disposición das entidades sociais de Galicia 20,7 millóns de euros. A conselleira de Política Social, Fabiola García, participou esta mañá nun coloquio con entidades que foron perceptoras da convocatoria anterior.

Nesta primeira orde, o Goberno galego fai un adianto de 11,5 millóns de euros para que as entidades interesadas poidan ir deseñando os programas que van a poñer en marcha con estas axudas. Nos próximos meses esta contía ampliarase ata os 20,7 millóns totais que lle corresponden este ano á nosa Comunidade.

A conselleira agradeceu a todas as entidades que participaron nos pasados anos nesta orde de axudas por crear comunidade e ofrecer solucións ás persoas que, por distintos motivos, precisan de comprensión, asesoramento e axuda. Neste sentido, sinalou que estes fondos permiten ofrecer apoio a persoas maiores, persoas con discapacidade, para a atención á infancia e á xuventude ou para favorecer a inclusión social.

Coloquio na Cidade da Cultura

No coloquio celebrado esta mañá na Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, participaron catro entidades perceptoras de axudas: a Fundación Ronsel, a Asociación Rural Terra e Xente, ACCEM e a Federación de Centros Xuvenís Don Bosco. Fabiola García sinalou que co seu labor Galicia é cada día máis solidaria e un mellor lugar no que vivir.
 

Imaxes relacionadas