Lete Lasa comparece no Parlamento para informar sobre o estado de situación do deporte galego e das próximas medidas a desenvolver polo departamento de deportes da Xunta de Galicia

Durante a intervención, solicitada a petición do secretario xeral, avanzáronse as próximas actuacións da Secretaría Xeral para o Deporte, como son as novas medidas de apoio aos núcleos de adestramento deportivo especializado, ou o inicio do novo curso no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Lete Lasa fixo tamén un balance da situación do deporte na Comunidade Autónoma no actual contexto da Covid-19.
 

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, compareceu esta mañá a petición propia ante a Comisión 1ª do Parlamento de Galicia para informar sobre o estado de situación do deporte na Comunidade Autónoma e sobre as próximas medidas a desenvolver pola Secretaría Xeral para o Deporte.
Lete Lasa iniciou a súa intervención dando conta dos pormenores do alto nivel en Galicia, destacando os actuais 458 deportistas afectados pola nova regulación legal da materia existente na Comunidade Autónoma, logo da recente publicación no diario oficial da Orde do 23 de xuño pola que se establecen os criterios técnico-deportivos para a obtención das condicións de persoa deportista de alto nivel, alto rendemento deportivo e rendemento deportivo de base, e os criterios deportivos para o recoñecemento dos núcleos de adestramento deportivo especializado.
O secretario xeral apuntou como o novo marco permite establecer medidas coas que garantir unha “rede mais sólida e ampla de protección e de fomento do deporte alto nivel”, e que contempla un conxunto de medidas como a “Oficina de Atención ao Deportista, que se porá en marcha neste exercicio, as das becas aos deportistas (que neste 2021 contan cun orzamento de 453.000 euros) ou os beneficios no eido educativo, entre outras”, apuntou o responsable de deportes.
Neste punto, José Ramón Lete tivo especias palabras de agradecemento para os galegos e galegas que participaron nos pasados Xogos de Tokio 2021: “6 medallas e 10 diplomas olímpicos, e 5 medallas e 15 diplomas paralímpicos, nunha delegación española con 39 galegos e galegas, son os éxitos do noso deporte na elite mundial, uns resultados dos que toda Galicia se sinte orgullosa”, remarcou o secretario xeral.
O responsable de deportes da Xunta de Galicia avanzou tamén as próximas actuacións no novidoso ámbito dos núcleos de adestramento deportivo especializado que, nas súas palabras, “posibilitarán expandir os programadas de tecnificación, en coordinación co Centro Galego de Tecnificación Deportiva, cara os clubs e as Federacións Deportivas que conten con medios humanos e materiais que teñan por finalidade a preparación técnico-deportiva orientada ao alto nivel ou ao alto rendemento deportivo.” Con estes núcleos, posibilitarase “captar e reter todo o talento deportivo que se atopa diseminado polos clubs de todo o territorio da Comunidade Autónoma”, destacou José Ramón Lete.
Durante a intervención, abordouse tamén o inicio do novo curso do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, do que se destacaron os incrementos da presenza do deporte feminino -as deportistas de tecnificación pasan de 45 no curso 2020/21 a 50 do actual- e das modalidades existentes no Centro –de 12 na tempada anterior a 14, trala incorporación da ximnasia acrobática (trampolín) e da natación artística-, así como a entrada do primeiro deportista interno de tecnificación con discapacidade.
O traballo coordinado coas federacións deportivas, a política de fomento da actividade dos clubs, os programas en idade escolar e no ámbito do deporte inclusivo, ou a vertente económica do sector deportivo, coa especial referencia a futura Conta Satélite do Deporte de Galicia e a celebración de eventos deportivos, foron outros dos aspectos abordados no curso da comparecencia do secretario xeral para o Deporte.
A última parte da intervención dirixiuse ao análise da situación do deporte na Comunidade Autónoma no actual contexto da Covid-19. O secretario xeral comezou aquí expresando o seu “recoñecemento ao tecido e axentes deportivos galegos pola súa tenacidade, resiliencia e fortaleza e, por suposto, pola súa responsabilidade”. José Ramón Lete expuxo neste punto as medidas aprobadas polo seu departamento, destacando entre outras o funcionamento dos protocolos Fisicovid-DxTgalego, adaptados ás modalidades e especialidades existentes na Comunidade Autónoma, así como as axudas específicas aprobadas pola Xunta de Galicia: 2.000.000 euros para medidas de seguridade e prevención no desenvolvemento da actividade deportiva oficial; 4.000.000 euros en axudas directas para a reactivación da actividade deportiva; e, por último, as axudas a equipamentos deportivos, entre os que se atopan os de seguridade e prevención inventariable no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da COVID-19, e cuxa dotación total ascendeu a 2.610.000 euros.

Imaxes relacionadas