A Xunta destaca o potencial dos portos para converterse nun motor da transición enerxética

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou esta mañá en Vigo na cuarta edición de Green Energy Ports Conference

Subliña a importancia de apostar polo crecemento azul como factor para a recuperación económica e lembra a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation neste eido

Vigo, 22 de setembro de 2021

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, asistiu esta mañá en Vigo á inauguración de Green Energy Ports Conference onde destacou o potencial dos portos para converterse nun motor da transición enerxética grazas á cooperación e sinerxías que se crean nestes espazos onde conflúen diferentes sectores industriais.
Así, Uría subliñou que os portos son unha peza chave para que Galicia poida alcanzar a neutralidade climática en 2050 a través do aumento da eficiencia enerxética, o impulso das renovables, ou a aposta pola mobilidade sostible e polo hidróxeno verde. En concreto, destacou que os portos poden contribuír a conseguir este obxectivo coa implantación de tecnoloxías e iniciativas innovadoras relacionadas coa descarbonización, as fontes renovables e a transformación do transporte portuario; así como servindo de espazo para a implantación de empresas punteiras que poidan desenvolver e exportar a tecnoloxía precisa para descarbonizar a economía.
A directora xeral lembrou a aposta europea polo crecemento azul como un dos elementos que favorecerán a recuperación económica e incidiu na oportunidade que representan os fondos europeos Next Generation. Neste sentido, a candidatura galega inclúe varias iniciativas para impulsar os portos galegos e apoia proxectos como Green Bay para a electrificación da mobilidade marítima na ría de Vigo.

Imaxes relacionadas