O presidente do Goberno galego reuniuse hoxe con José Cela Camiño

Feijóo aborda co alcalde de Moraña a evolución de proxectos de interese para o concello, como a ampliación do centro de saúde e a casa do maior

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co alcalde de Moraña, José Cela Camiño, a evolución dos proxectos de interese para o concello, como a ampliación do centro de saúde e a casa do maior.

Feijóo trasladoulle ao rexedor que o futuro Plan de Infraestruturas de Atención Primaria prevé un investimento aproximado de 220.000 euros para ampliar o centro de saúde da localidade. E, ademais, lembroulle que onte se publicou a resolución de 71 novas casas do maior, entre as que se encontra a que se situará en Moraña. Recibirá unha achega de 15.000 euros para investimentos no local e 25.000 euros anuais para o seu mantemento.

Por outra banda, o titular do Goberno galego avanzou que no primeiro semestre de 2022 estarán rematadas as obras de modernización integral do campo de fútbol de Mirallos, que inclúen a dotación dun ximnasio.

En materia de infraestruturas, abordaron tanto a renovación de beirarrúas na PO-226 como a mellora do firme do treito de 300 metros da PO-221, desde a intersección coa PO-226 ata unha glorieta.

Feijóo tamén lle trasladou ao alcalde que está a tramitarse o expediente para a concesión da axuda solicitada pola Agrupación Voluntaria de Concellos de Portas, Campo Lameiro e Moraña para a adquisición dun punto limpo móbil para a xestión de residuos especiais.

No encontro tamén se tratou o convenio cos concellos de Caldas de Reis, Moraña e Cuntis de compensación pola construción do encoro do río Umia. Ao respecto, o presidente da Xunta apuntou a última renovación que se aprobou no Consello da Xunta do pasado 9 de setembro e salientou que eses fondos se destinarán a financiar actuacións educativas, culturais e de asistencia social.

Finalmente e tamén con relación ao río Umia, o titular do Executivo galego e o rexidor pontevedrés analizaron a posibilidade da execución dunha futura senda fluvial.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta