A Xunta promociona os produtos agroalimentarios galegos de calidade no I Circuito de Golf Tur 43 – España Verde

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria celebrou onte unha cata con produtos premiados nas diferentes catas que organiza a Consellería do Medio Rural, tanto a de viños, augardentes e licores como a de queixos e meles

Este certame busca consolidar ao norte de España como un destino de referencia para as persoas que practican este deporte e, ao mesmo tempo, promocionar os alimentos de calidade de cada rexión, o Xacobeo e o turismo en xeral nesta parte do país

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, está a promocionar os produtos agroalimentarios galegos de calidade no I Circuíto de Golf TUR 43 – España Verde, un evento deportivo que se está a celebrar este días con probas nas comunidades autónomas do País Vasco, Asturias e Galicia.
Este certame deportivo, que tamén conta co apoio da Vicepresidencia primeira a través de Turismo de Galicia, busca consolidar ao norte de España como un destino de referencia para as persoas que practican este deporte e, ao mesmo tempo, promocionar os alimentos de calidade de cada rexión, o Xacobeo e o Camiño do Norte a Santiago; así como o turismo a través da promoción desta práctica deportiva, que en Galicia conta con máis de 10.000 deportistas federados, un mercado moi interesante para a nosa comunidade pola súa capacidade de desestacionalizar a nosa oferta turística.
Neste senso, o propio director da Agacal, José Luis Cabarcos, desprazouse onte a Oviedo para presidir un acto no Gran Hotel Las Caldas Villa Termal. Alí, reuníronse máis dunha trintena de empresarios e distribuidores do mundo da restauración e da gastronomía para degustar e comprobar a calidade dos produtos galegos premiados nas diferentes catas que organiza a Consellería do Medio Rural, tanto a de viños, augardentes e licores como a de queixos e meles.
Tamén estiveron presentes blogueiros e xornalistas co fin de promocionar a gastronomía galega en xeral e estes produtos en particular para dar así a coñecer as 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas que hai en Galicia.
Esta degustación celebrouse como antesala da segunda proba deste certame deportivo que se celebra hoxe no campo de golf Las Caldas. A seguinte proba terá lugar o vindeiro 3 de outubro no Real Club de Golf da Coruña, para logo desprazarse ao Meaztegi Golf Club de Bilbao o vindeiro 9 de outubro. Por último, a gran final deste circuíto, que nace con vocación de continuidade e vinculado ao Xacobeo 21-22, celebrarase o 16 de outubro no Real Aeroclube de Santiago, no concello coruñés de Ames. En todas estas probas, a Agacal estará presente coas “Catas de Galicia”, promocionando todos estes produtos de calidade.

Imaxes relacionadas