Política Social pon en valor a presencia dun modelo residencial baseado na innovación e na adaptación ás novas necesidades dos nosos maiores

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou hoxe o centro residencial de Saraiva

Acevedo tamén asistiu á conferencia inaugural da cátedra ACP Cara o novo modelo de coidados: reto post covid
 

Pontevedra, 21 de setembro de 2021

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou hoxe os usuarios do Centro Residencial de Saraiva para coñecer de primeira man como os usuarios van adaptándose ao novo escenario trala pandemia. Alí destacou o labor das residencias que, como a pontevedresa, están a traballar nun modelo de coidados baseado na innovación. Acevedo Prado aproveitou a súa visita para facer fincapé na importancia de adaptarse ás novas necesidades dos nosos maiores, así como en traballar na mellora da calidade de vida e na saúde das persoas que máis o precisan.

Durante o acto, o director xeral de Atención Integral Sociosanitaria puido percorrer as instalacións do centro pontevedrés, e coñecer de primeira man as actividades que se levan a cabo nel, como a estimulación cognitiva, física ou afectiva, das que asegurou que axudan a avanzar rumbo un envellecemento cada vez máis longo, activo e saudable pero, sobre todo, cada vez mellor.

Conferencia inaugural

Antes de visitar a residencia de Saraiva, Antón Acevedo asistiu á conferencia Inaugural da cátedra ACP Innova Cara o novo modelo de coidados: reto post covid, que busca fomentar a investigación, a innovación, a formación e a capacitación do sector sociosanitario das persoas maiores.